Estratexia do Río Miño transfronteirizo 2030

A elaboración dunha Estratexia de Cooperación Intelixente para o territorio do Río Miño Transfronterizo ten como obxectivo fomentar a creación de emprego, a cohesión social do territorio e o benestar dos cidadáns a través de políticas concertadas, promovendo, valorando e desenvolvendo os recursos e potencialidades do territorio común. Tamén busca a innovación, o desenvolvemento do emprendemento e a igualdade de oportunidades.

O río que nos une

É a primeira vez que se realiza unha análise e diagnóstico en profundidade sobre as necesidades e potencialidades deste espazo xeográfico, entendendo o Río Miño como a columna vertebral deste territorio e non como un elemento que o separa, polo que se trata dun documento histórico que marcará as liñas de actuación en materia de cooperación no territorio para a próxima década.

Contar cunha axenda común permitirá activar o territorio nunha lóxica unitaria e coherente e servirá de guía para ás actuacións en materia de cooperación transfronteiriza que se levarán a cabo na comarca durante a próxima década. O envolvemento institucional e social foi a clave do proceso no que participaron directamente máis de medio milleiro de persoas.

Envolvemento social:

2 Foros públicos

5 Mesas sectoriais

1 Espazo virtual de debate www.smartminho.eu

1 Enquisa pública sobre as problemáticas do territorio (+ de 1 000 visitas)

Envolvemento institucional:

13 Concellos e Cámaras Municipais e 10 reunións bilaterais

Equipo científico:

9 Especialistas nos diferentes eixos estratéxicos das seis universidades da Eurorrexión

EIXOS ESTRATÉXICOS

eixe_estratexico_01
EIXO ESTRATÉXICO 1:
GOBERNANZA E PROGRAMAS DE SERVIZOS CONXUNTOS

Procúrase consolidar un instrumento de goberno común do territorio Río Miño Transfronteirizo que permita sustentar un catálogo de servizos conxuntos para ofrecerlle á cidadanía. Trátase de favorecer as iniciativas municipais bi ou trilaterais en marcha e auspiciar a creación de novas (públicas e privadas), así como de traballar para eliminar as barreiras existentes ligadas ao contexto fronteirizo, o que debe permitir maximizar as posibilidades de desenvolvemento territorial.

eixe_estratexico_02
EIXO ESTRATÉXICO 2:
TURISMO SUSTENTÁBEL E RESPONSÁBEL

Preténdese desenvolver un turismo sustentábel e responsábel baseado na preservación e promoción do patrimonio natural, concretamente do rio Miño internacional, a fronte atlántica e o patrimonio natural (Reserva da Biosfera). A creación da marca Rio Minho persegue situar este territorio no contexto local, eurorrexional e internacional, o que implica posicionar tanto a marca coma os produtos turísticos conxuntos creados de xeito transfronteirizo. Unha gobernanza adecuada resulta clave no sector turístico, definido como de valor central na estratexia de futuro do territorio do Río Miño Transfronteirizo.

eixe_estratexico_03
EIXO ESTRATÉXICO 3:
CULTURA TRANSFRONTEIRIZA

Trátase de valorizar a cultura como elemento integrador e estruturador do territorio do Río Miño Transfronteirizo. Para iso resulta preciso levar a cabo unha promoción da paisaxe e do patrimonio comúns, así como crear unha axenda cultural que permita situar os principais eventos culturais do territorio a unha escala que supere a raia. Asemade, cómpre estabelecer os mecanismos que posibiliten dar a coñecer os elementos materiais e inmateriais do patrimonio do Río Miño Transfronteirizo para promocionar a cultura local e aspirar a acadar recoñecementos de máximo nivel no contexto internacional.

eixe_estratexico_04
EIXO ESTRATÉXICO 4:
MOBILIDADE SUSTENTÁBEL

Perséguese favorecer a mobilidade transfronteiriza como contributo á redución das emisións de CO2 do territorio do Río Miño Transfronteirizo. Este eixo estratéxico aposta por ferramentas e fórmulas de mobilidade local que permitan superar aínda máis os efectos da fronteira e, asemade, teñan nula ou pouca incidencia no patrimonio natural existente. Tamén a mellora da conectividade do territorio cara ao exterior resulta de gran relevancia para favorecer a mellora da competitividade nos diferentes sectores económicos. Desta forma, preténdese reforzar o territorio desde un punto de vista tanto interno coma externo en termos de mobilidade.

eixe_estratexico_05
EIXO ESTRATÉXICO 5:
SUSTENTABLIDADE E ECONOMÍA INNOVADORA

Búscase potenciar a sustentabilidade e a innovación nas actividades produtivas da economía local para garantir a fixación da poboación. Situando a sustentabilidade e a conservación no centro do programa de desenvolvemento territorial, cómpre incidir no potencial dos sectores agrícola, pesqueiro, industrial e comercial. Deste xeito, perséguese responder ás ameazas relacionadas co cambio climático, o que debe garantir a continuidade, transformación e resiliencia das diversas actividades produtivas presentes no territorio do Río Miño Transfronteirizo.

ACTUALIDADE