28 Abr O AECT Rio Minho presentou o seu proxecto piloto do Centro do Patrimonio Cultural Inmaterial do Rio Minho Transfroteirizo
Naceu ao abeiro da iniciativa LIVHES, que busca implementar novas formas de poñer en valor o PCI como ferramenta de cohesión territorial
O AECT Rio Minho abriu as súas portas cun Seminario de Transferencia organizado en Valença no que se presentaron os resultados do proxecto LIVHES e o proxecto piloto do Centro do Patrimonio Cultural Inmaterial do Rio Minho Transfronteirizo. O evento contou coa participación de Luis Ulloa, quen deu paso á proxección do vídeo do proxecto, así como da empresa encargada de crear unha plataforma web que inclúe fichas do Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) no territorio, un mapa e información sobre a rede de museos e centros de interpretación, así como axenda e novas.
Durante o seminario tamén se abordaron os plans para o futuro do Centro do Patrimonio Físico, que estará situado na vella Alfándega de Valença. Ademais, actualmente estase traballando nunha exposición itinerante. A iniciativa do AECT Rio Minho recibiu os parabéns dos asistentes, que nun debate moi construtivo, realizaron varias recomendacións.
Este evento supuxo un paso importante para promover e preservar o patrimonio cultural inmaterial da rexión do Rio Minho Transfronteirizo. O Centro de Patrimonio Cultural Inmaterial, xunto coa plataforma web, terán un papel fundamental na divulgación e valorización desta rica herdanza cultural.
O proxecto LIVHES, cofinanciado polo Programa Interreg Sudoe a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), responde a unha necesidade e a un reto territorial compartido polas áreas escasamente poboadas do sur de Europa: atopar e implementar novas formas de poñer en valor o patrimonio cultural inmaterial como ferramenta de desenvolvemento económico sostible e cohesión territorial.