03 Mai ‘Essência do Minho’ chega a Santiago de Compostela para promover o destino portugués entre a cidadanía galega
A campaña ten como obxectivo valorizar a identidade deste atractivo destino turístico do Norte de Portugal. Mañá, día 4 de maio, haberá un evento enogastronómico para convidados, co chef António Loureiro (Restaurante A Cozinha) e a chef galega Lucía Freitas (A Tafona), e o vindeiro día 7 de maio haberá un concerto de Daniel Pereira Cristo e Xabier Díaz na Sala Capitol
O Consórcio Minho Inovação, composto polas comunidades intermunicipais do Alto Minho, Cávado e Ave desembarca en Santiago de Compostela esta semana coa “Essência do Minho”, unha campaña para dar a coñecer o potencial turístico da rexión entre a cidadanía galega.
Despois de ter pasado por Lisboa e Porto, “Amar o Minho” chega a Santiago para promover a gran riqueza cultural, histórica e gastronómica, no que ademais a natureza o invade todo.
A campaña “Essência do Minho” está baseada en dúas accións principais. Por un lado, un concerto dirixido a toda a poboación, para todas as idades, que terá lugar o día 7 de maio na Sala Capitol a partir das 19.00 h locais. As entradas están dispoñibles no portal www.woutick.es.
A cargo do músico bracarense Daniel Pereira Cristo, o concerto promete unha viaxe pola música tradicional “Do Minho à Galiza – da raiz ao fado”, con convidados especiais como o cantautor Xabier Díaz e o grupo polifónico das Cantadeiras do Vale do Neiva. Será unha fusión de voces e sons de influencia miño-galaicas, con artistas comprometidos coa terra e as súas orixes.
Antes deste concerto, a Praza do Obradoiro, fronte á Catedral de Santiago de Compostela, acollerá unha pequena actuación das Cantadeiras do Vale do Neiva e do Grupo do Jogo do Pau de Bucos, candidato a Património Imaterial da Unesco.
Por outro lado, para o público profesional realizarase unha degustación enogastronómica a cargo de dous recoñecidos representantes da cociña portuguesa e galega: António Loureiro, do restaurante A Cozinha en Guimarães e Lucía Freitas de A Tafona en Santiago de Compostela.
Neste encontro, os chefs elaborarán un menú a catro mans, harmonizado con algúns dos mellores viños da rexión do Minho, para destacar o rico patrimonio gastronómico de ambos os dous territorios. A través de produtos da horta e do mar, esta degustación será unha fusión de sabores de ambas rexións, realzando a identidade de cada cultura e tamén as súas semellanzas.