13 Xuñ Tui acolle un Foro de Mobilidade Transfronteirizo para reclamar un “tren do Miño”
Aberta a inscrición para participar neste encontro o 22 e 23 de xuño, co que se busca dar pulo a unha conexión ferroviaria de proximidade no territorio río Minho transfronteirizo
O AECT Rio Minho colabora neste evento financiado con fondos FEDER a través do proxecto Smart Mino Plus
Tui acolle os vindeiros 22 e 23 de xuño o ‘Forum de Mobiliadde Transfronteiriza do Río Miño: O ferrocarril do Miño. Unhas proximidades ferroviarias transfronteirizas’, unhas xornadas sobre o ferrocarril transfronteirizo entre Galicia e o norte de Portugal organizadas pola Deputación de Pontevedra en colaboración co AECT Rio Minho, a Fundación CEER e a CIM Alto Minho.
Con este encontro búscase aprender de experiencias internacionais de éxito para impulsar unha rede ferroviaria transfronteiriza e un servizo de proximidade entre Vigo e Viana do Castelo co fin de facilitar a mobilidade diaria dos habitantes do Rio Minho transfronteirizo.
Trátase dun foro no que participarán técnicos de transporte e mobilidade de territorios transfronteirizos europeos nos que se están a levar a cabo casos de éxito, persoas académicas galegas e portuguesas especialistas en materia ferroviaria e organismos públicos de España e Portugal para debater sobre o futuro da conectividade no territorio do Rio Minho transfronteirizo, promovendo conexións por tren máis eficientes que dean servizo a veciñanza e turistas.
O director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, será o encargado de presentar as conclusións deste foro de mobilidade, que rematará cunha declaración institucional cun manifesto a favor dun ferrocarril transfronteirizo de proximidade.
O foro celebrarase en horario de mañá no Parador de Turismo de Tui. As persoas interesadas en participar xa poden inscribirse a través da páxina web da Deputación de Pontevedra.
O evento conta co financiamento de fondos europeos FEDER a través do proxecto Smart Mino Plus, unha acción de capitalización no ámbito da 6º convocatoria do INTERREG VA POCTEP 2014-2020.