Recoñecemento do AECT Rio Minho a Ponte… nas Ondas!

Durante a Asemblea Xeral Ordinaria celebrada o pasado luns na Casa do Conde de Salvaterra de Miño acordouse por unanimidade un recoñecemento específico á asociación cultural e pedagóxica galego-portuguesa Ponte… nas Ondas! pola súa recente inscrición no Rexistro de Boas Prácticas da Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO.

A organización cultural e pedagóxica leva preto de 30 anos traballando a prol do patrimonio cultural inmaterial do territorio miñoto, acción que ten compartido co organismo de cooperación europea como no desenvolvemento do proxecto “Tesouros Humanos do Río Miño Transfronteirizo”, unha iniciativa de recuperación da memoria cultural galego-portuguesa transfronteiriza que se materializou na creación dun repositorio web (https://smartminho.eu/tesouros-humanos-vivos/) con toda a información recompilada, un documental, unha exposición itinerante, contacontos nas escolas e a edición dun libro infantil.

Precisamente, nesa mesma liña de traballo o AECT Rio Minho e Ponte… nas Ondas! veñen de asinar un convenio de colaboración para o desenvolvemento do Centro do Patrimonio Cultural Inmaterial do Río Miño, unha proposta impulsada polo agrupamento europeo dentro do proxecto Livhes, financiado polo SUDOE que verá a luz o vindeiro ano.