Documento marco do proxecto

Existe unha clara necesidade de que as e os axentes das rexións fronteirizas europeas identifiquen mecanismos que promovan e faciliten unha maior cooperación institucional transfronteiriza entre todos os niveis de goberno, e tamén coa sociedade civil e, ao mesmo tempo, garantan un financiamento sostible destinado á xestión e ao investimento transfronteirizos. Ao mellorar a cooperación poderíanse reducir as complexidades asociadas á interacción transfronteiriza, apoiar a identificación, o deseño e a execución de proxectos de desenvolvemento transfronteirizo de interese para ambas as dúas partes, e mellorar a integración das actividades económicas e dos servizos públicos nunha única “área funcional” transfronteiriza. Para iso, en xaneiro de 2023 púxose en marcha o proxecto da OCDE “Construíndo rexións transfronteirizas máis resilientes: gobernanza multinivel e desenvolvemento rexional estratéxico conxunto”, que contou co apoio financeiro da Dirección Xeral de Política Rexional e Urbana (DG REGIO) da Comisión Europea. O proxecto, de quince meses de duración, axuda ás rexións transfronteirizas a aumentar a súa resiliencia e a mellorar o benestar da súa cidadanía. Ademais, nel analízase como poden mellorarse os acordos de gobernanza multinivel, xunto co desenvolvemento conxunto de estratexias e servizos públicos, para axudar as rexións transfronteirizas a acadar obxectivos de desenvolvemento comúns dun xeito máis eficaz.