
29 Mar O AECT Rio Minho participa en Pau Béarn na actividade final do proxecto LIVHES
Os 9 socios do proxecto reúnense na localidade francesa dende hoxe ata o 31 de marzo para poñer o broche de ouro á iniciativa europea de revalorización do patrimonio cultural inmaterial no territorio Sudoe
O proxecto LIVHES, cofinanciado polo Programa Interreg Sudoe a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), entra na súa recta final. O AECT Rio Minho, xunto aos outros 8 socios da iniciativa, regresa estes días ao lugar no que comezou este proxecto en 2020 co obxectivo de revalorizar o patrimonio cultural inmaterial dos territorios menos poboados do sur de Europa. Do 29 ao 31 de marzo estarán na localidade francesa de Pau Béarn para selar o seu traballo e presentar a guía metodolóxica elaborada.
Representantes do AECT Rio Minho participarán nas tres xornadas desta xuntanza, que comezou este mércores 29 avaliando o estado do proxecto, revisando o progreso das experiencias piloto e ultimando a guía metodolóxica elaborada ao longo deste tempo. Ademais, realizaranse visitas de estudo a enclaves do patrimonio cultural inmaterial do territorio de Pau Béarn e CIRDOC, anfitrións desta última cita. Entre elas, a Ciutat Creativa da Cultura bearnesa, un fabricante de calzado de sendeirismo, un fabricante de campás e o Eco Museo do pastereo.
O último día desta nova congregación terá lugar o Seminario transnacional de clausura do programa europeo Sudoe-LIVHES, que se celebrará na Cámara de Comercio e Industria de Pau durante todo o día. O evento estará aberto a todos os axentes públicos e privados que traballan na promoción do patrimonio e contará coa participación de Timothy Curtis, secretario xeral da Convención da UNESCO para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI). Tamén se presentarán as experiencias piloto de cada socio e se levarán a cabo varias mesas redondas relacionadas co PCI, a dixitalización e o papel da mocidade.
O proxecto LIVHES
A iniciativa LIVHES, cofinanciada polo Programa Interreg Sudoe a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), responde a unha necesidade e a un reto territorial compartido polas áreas escasamente poboadas do sur de Europa: atopar e implementar novas formas de poñer en valor o PCI, promovido e recoñecido pola UNESCO, como ferramenta de desenvolvemento económico sostible e cohesión territorial.
Xunto ao AECT Rio Minho tamén son socios desta iniciativa Pau Bearn, Diputación de Teruel, Diputación de Burgos, Institut Català de Recerca en el Patrimoni Cultural (ICRPC), Municipio Barcelos, Universidad Pública de Navarra, CIRCOC Institut Occitan de Cultura e Pyrénées Haut Garonnaises Communauté de Communes.