14 Nov O AECT Rio Minho asiste en Teruel ao 5º encontro dos socios do proxecto LIVHES
Dende hoxe e ata o 16 de novembro, as nove entidades que conforman o proxecto LIVHES, cofinanciado polo Programa Interreg Sudoe a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, e do que o AECT Rio Minho forma parte, danse cita en Teruel para pór en común os avances acadados polos diferentes socios durante os últimos seis meses.
Tras a reunión celebrada en Burgos do 29 ao 31 de marzo, os socios do proxecto concentraron os esforzos en avanzar nas súas respectivas experiencias piloto e plans de acción. As iniciativas teñen por obxectivo pór en valor aspectos do Patrimonio Cultural Inmaterial dos territorios aos que pertencen as entidades socias a través de diversas actuacións.
O encontro de Teruel facilitará o intercambio de experiencias entre as nove entidades que conforman o proxecto, así como a posta en común dos traballos desenvoltos ata a data por parte dos socios.
O programa inclúe tamén xornadas de traballo e visitas de promoción do patrimonio cultural inmaterial da provincia de Teruel e Aragón, que comezan hoxe coa presentación da Academia de las Artes del Folclore y la Jota de Aragón, iniciativa do Goberno de Aragón para apoiar candidatura da Jota como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade da Unesco.
O proxecto LIVHES
O proxecto LIVHES, cofinanciado polo Programa Interreg Sudoe a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), pretende atopar e implementar novas formas de posta en valor do Patrimonio Inmaterial Cultural, promovido e recoñecido pola Unesco das zonas escasamente poboadas do sur de Europa para convertelo nunha ferramenta de desenvolvemento económico sostible e de cohesión territorial.
LIVHES comezou a finais do ano 2020, e rematará en abril de 2023. Os nove socios que forman parte do proxecto son: Pays de Béarn, a Deputación de Teruel, a Deputación de Burgos, o Institut Català de Recerca en el Patrimoni Cultural (ICRPC), o Municipio de Barcelos, a Universidade Pública de Navarra, CIRDOC – Institut Occitan de Cultura, Communauté de communes Pyrénées Haut Garonnaises e o Agrupamento Europeo de Cooperación Transfronteiriza do Rio Minho (AECT Rio Minho).