09 Sep Máis de dez encontros con axentes públicos e privados servirán para analizar os obstáculos legais en materia de mobilidade na fronteira do Río Miño
O estudo, promovido polo AECT Rio Minho a través da iniciativa da Comisión Europea “B-Solutions”, contará coa presenza da experta nesta materia, María Gamayo.
O AECT Rio Minho ten programado dende hoxe e ata o vindeiro venres máis dunha decena de visitas e encontros con axentes públicos e privados do territorio transfronteirizo para analizar os principais atrancos legais da mobilidade na fronteira galego portuguesa. As reunións contarán coa presenza da experta xurídica da Comisión Europea nesta materia, María Gamayo, quen unha vez rematadas as xuntanzas elaborará un informe para entregar á institución Europea no que se recolla os obstáculos legais identificados, como pode ser o traslado de menores entre unha e outra beira do río Miño.
Entre as entidades que participan no programa de visitas están os concellos e cámaras municipais de Tui, Salvaterra, Tomiño, Monção, Valença e Vila Nova de Cerveira; a Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia; o CCDR-N; o Instituto da Mobilidade e dos Transportes Terrestres de Portugal, e operadores de transportes e confederacións de empresas de ambas marxes do río.
Este estudo enmárcase dentro da iniciativa B- Solutions Boosting Minho River Cross – Border Mobility, proxecto para o que o AECT Rio Minho vén de recibir unha subvencións de 25.000 €. B-Solutions é unha convocatoria para o financiamento de 20 micro proxectos piloto destinados a solventar as barreiras de carácter administrativo e legal que se verifican nas fronteiras en áreas como o emprego, a saúde, o transporte, o plurilingüismo e/ou cooperación institucional, e está orientada principalmente a entidades públicas, como é o caso do AECT Rio Minho.