A “Pesca nas pesqueiras do Río Miño” declarada Patrimonio Cultural Inmaterial portugués

A tradicional arte da Pesca nas Pesqueiras do Río Miño vén de ser declarada Patrimonio Cultural Inmaterial polo goberno portugués. O recoñecemento parte da proposta realizada en agosto de 2020 polo Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial do Río Miño – AECT Rio Minho. A iniciativa foi aprobada polo Goberno luso o pasado 30 de novembro, inscribíndoa no Inventário Nacional do Património Cultural Imaterial. A resolución da Direção-Geral do Património Cultural (DGPC) destacou especialmente o valor desta práctica milenaria como reflexo da identidade da comunidade transfronteiriza, dos procesos sociais e culturais nos que se orixinou e as dinámicas de transmisión do saber facer dunha xeración a outra ata os nosos días.

A pesca nas pesqueiras do Río Miño engloba os saberes practicados e a pericia que practican os pescadores no tramo internacional, tendo en conta a creación e adaptación das artes de pesca ás continxencias espaciais e naturais desta cunca fluvial transformándoo en paisaxe cultural, xunto con sofisticados procesos sociais á hora de construír e compartir as pesqueiras.

En tan só 37 quilómetros, a fronteira natural entre Galicia e Portugal concentra a ambos lados do río preto de 900 pesqueiras para a captura da lamprea, sábalo, troita ou salmón. Das 900 existentes, 160 están activas en Portugal e unhas 90 na parte galega. Algunhas destas antigas estruturas de pedra son milenarias e foron construídas no tempo dos romanos; outras son centenarias.

Os concellos galegos, claves na declaración española

O AECT Rio Minho solicitou asemade en 2020 o recoñecemento da arte de pesca das pesqueiras do Río Miño como patrimonio cultural inmaterial en España, que neste caso debe ser tramitado polo goberno galego, unha declaración que se espera que sexa próxima, agora que o goberno portugués xa a incluíu no seu rexistro.

Para a declaración das pesqueiras como Ben de Interese Cultural (BIC) por parte da Xunta de Galicia é necesario que cada un dos concellos faga previamente o rexistro nos seus inventarios municipais, polo que a implicación dos gobernos locais é agora clave para acadar o recoñecemento.

+INFO: https://aectriominho.eu/a-pesca-nas-pesqueiras-do-rio-minho/