A asociación galego-portuguesa Ponte… nas Ondas! fai historia coa súa inclusión no rexistro de boas prácticas da UNESCO

O AECT Rio Minho felicita e comparte a ledicia da asociación galego-portuguesa Ponte… nas Ondas! por ter pasado a formar parte do Rexistro de Mellores Prácticas da Unesco, máximo recoñecemento posible aos seus máis de 20 anos de traballo exemplar a prol da cultura inmaterial tranfronteiriza miñota. O veredicto deuse a coñecer durante a celebración do 17º Comité Intergubernamental da UNESCO celebrado esta semana en Rabat.

Precisamente, nesta liña de traballo de preservación da cultura inmaterial Ponte… nas Ondas! colaborou co AECT Rio Minho para o desenvolvemento do proxecto Tesouros Humanos do Rio Minho, unha iniciativa de recuperación da memoria cultural galego-portuguesa transfronteiriza que se materializou na creación dun repositorio web (https://smartminho.eu/tesouros-humanos-vivos/) con toda a información recompilada, un documental, unha exposición itinerante, contacontos nas escolas e a edición dun libro infantil.

Esta distinción supón un feito histórico xa que se trata dunha candidatura galego-portuguesa, e nunca antes unha candidatura (española ou portuguesa) conseguira formar parte do Rexistro de Mellores Prácticas de Salvaguarda impulsado polo das Nacións Unidas.