05 Abr Uxío Benítez, elixido director da nova Agrupación Europea de Cooperación Territorial Rio Minho
A Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Rio Minho vén de iniciar a constitución formal dos seus órganos co nomeamento do seu primeiro director: o deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez. O mandato do nacionalista á fronte da nova entidade de cooperación durará dous anos e no 2020 pasará ao rexedor da Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Fernando Nogueira.
Uxío Benítez subliñou que “o reto durante estes dous anos de mandato será consolidar a AECT nun instrumento de política transfronteiriza no territorio do Miño”. Así mesmo, asegurou que a entidade “estará ao servizo da cidadanía e de todos os concellos e cámaras municipais que a conforman”. O responsable provincial quixo lembrar unha vez máis a relevancia do nacemento desta nova entidade e da “importancia desta área de actuación”, encadrada no medio do eixo Vigo-Porto (con 3,5 millóns de habitantes) e na que se desenvolven practicamente a metade dos fluxos de vehículos lixeiros entre España e Portugal.
Segundo establecen os estatutos da nova AECT, a dirección terá sempre carácter rotatorio bianual e alternarase entre os dous socios que a conforman: a Deputación de Pontevedra e a CIM Alto Minho. Deste xeito, durante os dous primeiros anos o cargo de vicedirector recaerá nun representante portugués e despois pasará a un representante da Deputación de Pontevedra. Ademais da dirección, o novo organismo tamén conta xa cun Consello de Coordinación composto pola deputada Monste Magallanes e o presidente da Cámara Municipal dos Arcos de Valdevez, ambos en calidade de vogais da institución.
A constitución da Asamblea Xeral, en maio
Segundo adiantou o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, o seguinte paso dentro do proceso de formalización da AECT será a constitución da Asemblea Xeral, prevista para o vindeiro mes de maio, e na que previsiblemente estarán representadas as cámaras municipais e concellos do territorio do Miño.
A AECT Río Minho é un novo instrumento estable de desenvolvemento con personalidade xurídica propia que ten por obxectivo a defensa da xestión compartida dos servizos entre todos os actores existentes en torno ao río Miño. Así mesmo, a entidade ten capacidade para optar a fondos europeos e xestionalos, así como promover e organizar accións de cooperación no territorio de forma directa.
Os dous socios principais da AECT son a Deputación de Pontevedra e a CIM Alto Minho, que aglutinan 16 concellos pontevedreses (A Guarda, O Rosal, Oia, Tomiño, Tui, O Porriño, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Ponteareas, As Neves, Mondariz, Mondariz-Balneario, Arbo, Crecente, A Cañiza e Covelo) e outros dez do norte de Portugal, abranguendo máis de tres mil quilómetros cadrados de territorio e 375.995 habitantes.
O impulso para a creación da AECT Rio Minho encádrase dentro das accións de Estratexia de Cooperación Intelixente Transfronteiriza do proxecto Smart Minho liderado pola Deputación de Pontevedra, que acadou un investimento de 942.022,47 euros, dos que o 75% están cofinanciados polo programa INTERREG VA POCTEP dentro dos fondos FEDER da Unión Europea.