Vida na montaña

O Val do Miño non só está habitado polas comunidades ribeiráns. Quen olla alén das beiras esquerda e dereita, pode ver ao lonxe o alto das montañas. Nelas viven comunidades rurais marcadas por unha profunda relación co territorio.

Isalina e a súa filla Leonor son veciñas de Castro Laboreiro, unha pequena poboación de montaña pertencente ao concello portugués de Melgaço. Castro Laboreiro está encravado entre montañas, nas profundidades do parque nacional Peneda-Gerês e trátase dunha das vilas máis emblemáticas do país luso. O seu illamento permitiu que chegasen intactos ata os nosos días aspectos do patrimonio histórico e cultural desta pequena comunidade como a súa arquitectura, paisaxe e sobre todo a forma de vivir das súas xentes, que de outro xeito sería imposible conservar.

Isalina e a súa filla Leonor conservan o antigo costume da transhumancia. Cando o frío do inverno ameaza coa súa chegada, persoas e gando trasládanse ata zonas máis baixas e resgardadas da serra, onde teñen unha segunda vivenda, a inverneira, que lles permite pasar os meses máis duros do ano. Durante a primavera e o verán habitan a coñecida como branda.

“Natal abaixo, Pascua acima”, din no lugar. No pasado, tanto a viaxe de baixada como a de subida facíanse a pé, só coa axuda dos carros das vacas nos que levaban as pertenzas necesarias para eses meses. Hoxe en día faise en tractor. Coa emigración e as alteracións sociais e económicas ocorridas durante o século XX, moitas foron as familias que deixaron de se mudar entre brandas e inverneiras. Tampouco as invernías son as que eran, neva menos, fai menos frío.

Tradicións

Na freguesía consérvanse tradicións como a do monte comunal ou valdío (propiedade dunha asociación de veciños e veciñas da freguesía), os muíños no río e a eira comunitaria. Pola contra, outras xa desapareceron como os teares, onde se levaba a lá das ovellas para facer as mantas para a casa. Despois de rapar á ovella, esta lá carpeábase, cardábase e finalmente era lavada.

Moi coñecido foi o Entroido ou Carnaval, que se mantivo ata nas épocas duras da ditadura salazarista. Ás persoas que se disfrazaban  chamábanlle  farrangalleiros e aproveitaban o carnaval para facer trasnadas, como bater aos que non ían disfrazados con sacos cheos de toxos.

 Na serra sempre se celebrou intensamente o Entroido ou Entrudo. Tamén sobrevive,  por influencia da cultura galega, a tradición de Reis, na noite do 5 para o 6 de xaneiroonde grupos de xente con instrumentos musicais van por toda a freguesía a pedir cartos ou comida para facer unha festa.

Os habitantes deste territorio fan fronte dende sempre ás dificultades que ten o vivir nunha zona cunhas condicións orográficas e climáticas que poñen a proba o enxeño e as capacidades de adaptación dos humanos para superar esas adversidades.

Os rabaños das cabras e ovellas, e mesmo as crías das vacas, víanse frecuentemente atacadas por mandas de lobos. Para defender aos animais, a veciñanza contaban coa presenza do can da raza autóctona da serra, o caõ de Castro Laboreiro. Trátase dunha raza en perigo de extinción da que Leonor conserva un exemplar.