Tesouros da vida na montaña

Isalina Fernandes

Isalina Fernandes fala en castrejo, un arcaísmo propio de Castro Laboreiro que ten sonoridade galega. As engurras do rostro e a súa mirada cansa presaxian o que ela mesma vai repetir en varias ocasións, que a súa foi unha vida dura.

Isalina, acompañada pola súa filla Leonor, que a observa atenta, repite: “a miña foi unha vida complicada, a vida da montaña é unha vida dura”. Volve ao pasado co pensamento e lembra como moitos dos seus veciños e veciñas emigraron a Francia, abandonando os seus fogares en busca dunha vida mellor. Un éxodo cruel que os homes e mulleres de Castro Laboreiro acometían a pé, pois entre os máis pobres, tamén había clases e Isalina, lembra que a xente da aldea que emigraba facíao camiñando.

Leonor Rodrigues

Leonor Rodrigues naceu na freguesía melgaçense de Castro Laboreiro no ano 1965, no seo dunha familia que sempre viviu na serra. Agora é unha das poucas, practicamente a única, que aínda vive alí e segue a manter a forma de vida tradicional da montaña.  O seu pai emigrou a Francia mentres que a súa nai, Isalina Fernandez, adicábase maiormente á gandería, criando animais que vendían na feira. Na actualidade aínda teñen dúas vacas pero, ao non haber feira na freguesía, son os compradores e compradoras quen veñen á súa casa a levar os animais.