Tesouros da gastronomía

Divina Iglesias

Divina naceu nas Neves no ano 1949. A súa familia materna era propietaria do restaurante da estación do tren desde 1911 e alí aprendeu a cociñar as especies de peixes que se capturaban no río Miño.

Emigrou na compaña do seu marido e facían coincidir as vacacións coa época da pesca, na que realizaban tarefas na pesqueira ou cosían as redes.

Divina, tras a súa aprendizaxe familiar, foi quen de transmitirlle os saberes da  cociña tradicional á seguinte xeración, evitando que se perderan. Mantivo as receitas tradicionais de cociñado da lamprea, facéndoa guisada, seca e rechea. O secado da lamprea era feito por ela mesma, afumándoa nunha lareira grande queimando leña seca.

Gloria de Jesus Dacunha

Gloria naceu en Parada de Monte, unha poboación de montaña do concello de  Melgaço, no ano 1947. O seu pai era emigrante e a súa nai rexentaba unha escola. Estudou maxisterio e empezou a percorrer a xeografía do norte, sendo profesora da Telescola, apoio de programas da televisión nacional á práctica docente.

Máis adiante trasladouse  ao concello de Caminha e comezou a pescar co seu marido. Alí aprendeu a secar o peixe coa súa sogra para conservalo e que durase todo o ano. Sollas, sabeis, sabellas, muxos, negrois e taiñas  son os peixes que se secaban en Caminha, mentres que os robalos e as lampreas non se secaban nesa zona.

As técnicas de secado do peixe naceron en tempo inmemorial, cando as xentes raianas facían abundante provisión de peixe e trataban de consérvalo para as épocas de escaseza.

Gloria conserva estas técnicas ancestrais ademais de transmitilas, xa que ensinou a moita xente nova a secar peixe durante a súa estadía na organización da Festa da Solla, que se celebra tódolos setembros en Seixas, freguesía de Caminha.