Tesouros da cantiga, festa e romaría

Joaquim Vasques

Joaquim naceu en São Paulo no ano 1919, debido a que o seu pai emigrara a Brasil con anterioridade. De volta a Portugal, cando faleceu o seu proxenitor, aprendeu de xeito autodidacta a tocar a concertina, escoitando a música dunha gramola. Compaxinaba esta afección co taller de bicicletas que abriu en Vila Praia de Ancora.

Empezou coa concertina con dezanove anos tocando viras, chulas, gotas, mallãos e cantares á moda do Minho. Posteriormente aprendeu a tocar o acordeón para fundar unha orquestra coa que percorreu as romarías de todo Portugal e o sur de Galiza, tocando tangos, boleros e pasodobres. Escoitaba as pezas nas localidades ás que acudía ou nos medios de comunicación e aprendíaas de memoria , xa que nunca soubo ler as partituras. Joaquim ensináballas aos membros das orquestras e agrupacións folclóricas nas que tocou. Tratábanse de pezas tanto tradicionais como modernas.

Joaquim trasladou a súa paixón pola música ao seu fillo, Quim Barreiros, que conta cunha longa traxectoria musical e acadou o éxito popular gracias ao tema A Cabritinha.

Camilo Romero Alonso

Camilo Romero naceu en Tomiño no ano 1935. Desde neno empezou a traballar na agricultura co seu pai e, posteriormente, compatibilizou varios traballos como empregado coa súa afección musical.

Camilo mantivo a antiga tradición das treboadas nun tempo no que emorecía. Aprendeu a técnica dos toques dun tío e dos seus compañeiros. Anos despois, cando estaban a piques de desaparecer, decidiu retomar a tradición e creou o seu primeiro grupo de treboada, a Treboada Baixo Miño. Estaba integrada por dous bombos, dúas caixas e dúas gaitas. Co tempo, necesitou incrementar o número de músicos ante as demandas de diversas entidades e asociacións que reclamaban agrupacións musicais máis grandes.

Actualmente a tradición das treboadas atópase plenamente recuperada e moitos mozos incorporáronse a estas agrupacións. Dous netos de Camilo, baixo as súas ensinanzas, dirixen unha das treboadas máis florecentes de Tomiño.