Tesouros Humanos Vivos

A pesar da fronteira política que durante séculos separou ao Val do Miño en dous estados, a poboación deste territorio galego portugués seguiu compartindo unha cultura común que se transmitiu de forma oral, xeración tras xeración ata os nosos días, e que constitúe parte da identidade propia deste territorio.

Algúns destes coñecementos e sabedorías atópanse a día de hoxe en perigo de desaparecer e seguen vivos unicamente a través de persoas, normalmente de avanzada idade, que son capaces de recordalos e recrealos e por esta razón supoñen un referente para a comunidade, os chamados ‘Tesouros Humanos Vivos’.

orixe do concepto Tesouro Humano Vivo remóntase ao 1950. O goberno de Xapón, consciente das transformacións que estaba a sufrir a súa milenaria civilización e a importancia de preservar a súa vasta cultura inmaterial, comeza a designar como Tesouros Humanos Vivos a aquelas persoas que encarnaban os valores culturais intanxibles do país. Outros estados seguiron o exemplo nipón pondo en marcha os seus propios programas oficiais de recoñecementos dos valores inmateriais, como Francia, Filipinas, Romanía, Corea do Sur ou Tailandia.

En 1993 a Unesco da un paso determinante ao establecer un programa específico denominado, ‘Tesouros Humanos Vivos’, e animar a todos os estados membros da organización internacional a seguir estes exemplos.

Segundo a definición da Unesco, un Tesouro Humano Vivo é unha persoa que posúe un alto grao de coñecemento e as habilidades requiridas para actuar ou recrear elementos concretos do patrimonio cultural inmaterial. Tamén son coñecidos como Tesouros Nacionais Vivos, Maîtres D’art ou Depositarios da Tradición de Artes e Oficios Populares.

O PROXECTO

A acción Tesouros Humanos Vivos está impulsada a través do proxecto de cooperación transfronteiriza  Smart Minho, no que traballan conxuntamente a Deputación de Pontevedra e a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho. A través desta iniciativa quérese recuperar a memoria cultural galego-portuguesa miñota, pór en valor este importantísimo patrimonio inmaterial, pero tamén garantir a súa transmisión ás novas xeracións, evitando que estes coñecementos desaparezan.

Colaboración

estudo realízase en colaboración coa Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas!, unha das 176 entidades acreditadas como consultora en todo o mundo, a única en Galiza, pola Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco), con máis de 20 anos de experiencia no estudo do patrimonio inmaterial transfronteirizo.

Baixo esta filosofía, e seguindo a metodoloxía da Unesco, a organización pedagóxica Ponte… nas Ondas! comeza a traballar na documentación da cultura inmaterial do río Miño Transfronteirizo, un territorio que non se subscribe a un estado, senón a dous, pero que mantén unha identidade propia e común, por riba das delimitacións políticas establecidas.

Identificación e recoñecemento

O traballo de identificación e recoñecemento dos Tesouros Humanos Vivos é un proceso íntimo, onde as xanelas da memoria son capaces de trasladarnos a outros tempos, a lembranzas da infancia, a bos e malos recordos. Ás veces, o estudo chega ata a esfera interior das mulleres e homes aos que se vai entrevistando, que, intentando recuperar aqueles vellos coñecementos dos que nos van falar, traen ao presente todo tipo de vivencias e emocións.

Unha vez rematada a fase de documentación e clasificación dos contidos, o obxectivo é a súa transmisión á poboación en xeral e ás novas xeracións en particular. Para iso, o proxecto Smart Minho contempla a organización de actividades escolares no territorio galego e portugués do río Miño transfronteirizo, nos que se achegue ás crianzas, dun xeito lúdico, toda esta valiosa información. Tamén haberá unha exposición conxunta coa CIM Alto Minho sobre Tesouros Humanos Vivos e As Pesqueiras, a edición dun libro infantil divulgativo e un acto homenaxe.

Sen dúbida, o futuro da nosa sociedade dependerá en gran parte de ser capaces de preservar os tesouros culturais que herdamos daqueles e aquelas que nos antecederon. Podemos afondar no patrimonio cultural, sexa material, natural ou intanxible de moitos xeitos, a través de textos, fotografías, visitándoo en museos, máis a mellor e máis valiosa aproximación posible é a de convivir convivir directamente con quen custodia estes coñecementos quen custodia estes coñecementos.

TEMÁTICAS

A pesca e o río

As pesqueiras son construcións levantadas polas poboacións ribeiregas dende tempo inmemorial, para facilitar os labores de captura dos peixes do río Miño.

A lingua: o goianés

O goianés constitúe unha forma dialectal do galego que só se deu na pequena parroquia de Goián do concello de Tomiño.

Vida na montaña

O Val do Miño non só está habitado polas comunidades ribeiráns. Quen olla alén das beiras esquerda e dereita, pode ver ao lonxe o alto das montañas.

Xogo tradicional

O xogo tradicional forma parte do patrimonio cultural dunha comunidade. Contribúe en planos como os da educación, o da cultura ou o da comunicación.

Cantiga, festa e romaría

As feiras, festas e romarías constituían no pasado unha das escasas oportunidades de folgar.

Gastronomía

As sociedades sempre se distinguiron pola construción diferenciada dos roles de xénero. Unha das áreas onde esa diferenciación se fai con maior visibilidade é na da cociña.