O Río Miño camiña cara a sustentabilidade grazas a proxectos innovadores como os fertilizantes a partir de bagazo e a eficiencia enerxética

O Observatorio das Dinámicas Transfronteirizas do Río Miño, impulsado polo AECT Rio Minho, presentou hoxe no Centro Social Polivalente do Rosal o informe “Sustentabilidade e Economía Verde”, unha análise centrada nos desafíos medioambientais aos que se enfronta a economía do territorio transfronteirizo, como son o cambio climático ou a escaseza da auga, e a necesidade de tomar medidas urxentes como a posta en marcha de paradigmas económicos sustentables capaces de facer fronte a estas problemáticas. No encontro participaron case unha trintena de axentes económicos do territorio.

O coordinador científico do Observatorio  e profesor da Universidade de Vigo, Xavier Martínez Cobas, foi o encargado de presentar o estudo, tras o que se abriu un debate no que participaron a presidenta da Asociación de Cultivos do Baixo Miño (Acubam) Mariví Álvarez, o responsable do viveiro Raiz da Terra José Augusto Martín, o director técnico da adega Terras Gauda Emilio Rodríguez Canas e o presidente da Dirección da Adega Cooperativa Regional de Monção Armando Fontainhas. A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, inaugurou o acto e a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, moderou o debate. As conclusións apuntaron á necesidade tomar medidas inmediatas e fomentar economías respectuosas ante os desafíos xerados pola crise climática, a degradación e escaseza da auga e a perda de biodiversidade, principais problemáticas sinaladas entre os e as participantes.

Segundo achegou o profesor da Universidade de Vigo, no ámbito dos recursos naturais, o informe analiza as actividades de agricultura, gandaría, caza e actividades relacionadas; as actividades de silvicultura e explotación forestal; as de pesca e acuicultura; e as de extracción de produtos minerais, observándose que a maior parte dos recursos dedícanse á agricultura, gandaría, caza e actividades relacionadas. Unha boa parte das actividades están situadas nas vilas da área do AECT Rio Minho, e ocupan un papel relevante na economía da área transfronteiriza. O segundo lugar ocúpano as empresas dedicadas á pesca, esencialmente situadas nas zonas costeiras do AECT Rio Minho e algunhas máis ao interior, vinculadas á pesca do río.

Relevancia da silvicultura pese a ser a actividade con menor peso no territorio

“A silvicultura –apuntou Xavier Martínez Cobas- é a actividade que menos importancia ten no territorio, aínda que o número de empresas é tamén considerable. As empresas de silvicultura son as únicas que están a crecer no territorio polo que posiblemente sexa un importante factor de competitividade neste territorio no futuro”, subliñou.

Neste sentido, destacou que o grande desafío é evitar os incendios e os seus efectos, e en particular o efecto dos grandes incendios, coma os vividos en 2017. “Con este fin, a silvicultura preventiva pode ser a maior ferramenta de protección. O tratamento das árbores, a elección de especies e os modelos de explotación, limitando as localizacións nos puntos críticos, son liñas a seguir”, dixo.

Fertilizantes a partir de bagazo e placas solares para eficiencia enerxética

Por outra banda, o informe tamén destaca que todas as actividades asociadas á economía circular están a incrementar o número de empresas no territorio (enerxía eléctrica, valorización e xestión de residuos) como tendencia a unha maior sustentabilidade. No caso da viticultura e a planta ornamental destácase a necesidade de desenvolver subprodutos compatibles co medio, limitando o uso de compoñentes químicos que danen a biodiversidade.

Neste sentido, na mesa de debate presentáronse as iniciativas de importantes empresas da zona, como é o caso da adega galega Terras Gauda, que na actualizade está a desenvolver un proxecto para converter o bagazo en fertilizante e pesticida de calidade grazas ao estudo ‘Vitalver’. Do lado portugués, a Adega Cooperativa Regional de Monção explicou tamén o seu proxecto de eficiencia enerxética coa instalación de paneis solares, que permiten traballar con menos consumo enerxético e menos custos de funcionamento.

O obradoiro desenvolveuse no ámbito do Proxecto ‘Rede de Apoio as dinámicas locais de cooperación no río Miño transfronteirizo’ (REDE_LAB_MINHO), co-financiado polo Programa lnterreg V-A España Portugal (Actividade 2 – Construción e dinamización de unha rede de cooperación e observación das dinámicas transfronteirizas.