
26 Xuñ O AECT Rio Minho recibe a analistas da OCDE para coñecer a cooperación institucional transfronteiriza no Minho
É un dos representantes de cinco rexións piloto de Europa seleccionadas para participar no proxecto ‘Construíndo rexións transfronteirizas máis resilientes’
Serán dúas xornadas de traballo con reunións con entidades gubernamentais españolas, portuguesas, galegas e con persoal investigador e entidades sectoriais
O AECT Rio Minho recibe este 26 e 27 de xuño a unha delegación de analistas da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE) e da Dirección Xeral de Política Rexional e Urbana (DG Regio) da Comisión Europea, que visitará o territorio do Rio Minho transfronteirizo para coñecer de primeira man as dinámicas institucionais e a realidade desta rexión fronteiriza.
Serán dúas xornadas presididas polo director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, e o vicepresidente, Rui Teixeira, no que entidades gubernamentais españolas, portuguesas, galegas e persoal investigador e entidades sociais se reunirán para abordar as relacións institucionais e de cooperación a ambas beiras do Miño.
Esta visita realízase ao abeiro do proxecto ‘Construíndo rexións transfronteirizas máis resilientes’, xa que a OCDE e a DG Regio seleccionaron ao AECT Rio Minho como unha das cinco rexións piloto de Europa para participar nesta iniciativa que pretende reforzar a gobernanza nos espazos transfronteirizos para mellorar a calidade de vida das poboacións.
Cunha duración de 15 meses, este proxecto baséase en axudar ás rexións transfronteirizas piloto a mellorar a gobernanza multinivel transfronteiriza mediante o desenvolvemento conxunto de iniciativas de cooperación transfronteiriza. En particular, o proxecto busca analizar a creación e implantación conxunta en zonas fronteirizas funcionais de políticas públicas como unha política fiscal transfronteiriza ou de servizo, facendo especial énfase na sanidade, no transporte, e na educación.