O AECT Rio Minho comparte cos socios do proxecto LIVHES os avances de cara a creación do Centro de Interpretación do Patrimonio Inmaterial do Río Miño

O AECT Río Miño participou esta mañá na posta en común das accións do proxecto de cooperación europea Living Heritage for Sustainable Development (LIVHES), no marco do 5º encontro de socios desta iniciativa co-financiada polo programa Interreg – Sudoe, que se celebra dende o pasado luns en Teruel. As 9 entidades que conforman o proxecto LIVHES, entre as que se atopa o AECT Río Miño, tiveron a oportunidade de informar ao resto de socios sobre os avances acadados nos últimos seis meses e o estado das accións de posta en valor do patrimonio cultural inmaterial que están a desenvolver.

No caso do Agrupamento Europeo de Cooperación Transfronteiriza do Rio Minho a actuación está enfocada na creación dun Centro de Interpretación do Patrimonio Inmaterial en colaboración coa Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas Ondas!, con máis de 25 anos de experiencia na recuperación do patrimonio inmaterial a través da metodoloxía estabelecida pola UNESCO.

O Centro de Interpretación do Patrimonio Inmaterial do Río Miño consistirá nun museo virtual con exposicións sobre tradición oral, cultura marítimo-fluvial ou cultura agraria, entre outros temas, e contará ademais no futuro cun pequeno espazo físico.

Outras iniciativas de preservación do patrimonio cultural inmaterial

Outras iniciativas impulsadas no seo do LIVHES son, por exemplo, o proxecto de realidade aumentada da Fundació Institut Catalá de Recerca en Patrimoni Cultural, co que se pretende crear un entorno de aprendizaxe co-creativo arredor da valorización e recuperación da memoria e recreación da elaboración de aceite de xenebreiro na Riba-roja ou o lanzamento dun cómic para escolares de 3º e 4º de primaria, por parte da Deputación de Teruel sobre a técnica construtiva da pedra seca.

Tamén cabe destacar a actuación de Pays de Béarn, que vén traballando na creación dun seminario destinado aos empregados e empregadas dos sectores privados e públicos da rexión co fin de reforzar diferentes aspectos do seu patrimonio cultural inmaterial como son a polifonía, os saltos bearneses ou a artesanía.

O proxecto LIVHES está co-financiado polo Programa Interreg – Sudoe a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), pretende atopar e implementar novas formas de posta en valor do Patrimonio Inmaterial Cultural, promovido e recoñecido pola Unesco das zonas escasamente poboadas do sur de Europa para convertelo nunha ferramenta de desenvolvemento económico sostible e de cohesión territorial.

Os nove socios que forman parte do proxecto son: Pays de Béarn, a Deputación de Teruel, a Deputación de Burgos, o Institut Català de Recerca en el Patrimoni Cultural (ICRPC), o Municipio de Barcelos, a Universidade Pública de Navarra, CIRDOC – Institut Occitan de Cultura, Pyrénées Haut Garonnaises Communauté de Communes e o Agrupamento Europeo de Cooperación Transfronteiriza do Rio Minho (AECT Rio Minho).