17 Nov O AECT Rio Minho asiste ao lanzamento do novo Programa Interreg España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, que contará cun orzamento de 427 millóns de euros
O AECT Rio Minho asistiu hoxe en Ayamonte ao seminario de lanzamento do novo Programa Interreg España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, o programa de cooperación transfronteiriza da Unión Europea, dotado cun investimento total de 427 millóns de euros entre os anos 2022 e 2027.
Este novo período de financiamento supón “unha oportunidade fundamental para aumentar o volume de recursos captados polo territorio do Río Miño”, segundo explicou o director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, que estivo acompañado polo secretariado técnico do agrupamento. A finais deste ano abrirán as primeiras convocatorias para presentar candidaturas ao programa que se resolverán a mediados de 2023. Uxío Benítez insistiu en que “é esencial coordinar o traballo desenvolvido polos diferentes municipios e crear sinerxías entre os proxectos locais, xa que todos eles comparten obxectivos comúns” e apostou pola creación “dun gran proxecto estruturador para todo o territorio”.
Máis de 3 millóns de euros recibidos no anterior POCTEP
No marco do anterior Programa Interreg España-Portugal do período 2014-2020, o AECT Rio Minho integrou os proxectos Estratexia de Cooperación Intelixente do Río Miño – Smart Minho (cunha dotación total de 942.022,47 €), Visit Rio Minho (2 millóns de euros) e Rede Lab Minho, do que foi beneficiario principal (345.396,00 €), acadando un total de máis de 3 millóns de euros.