08 Mai O AECT Rio Minho asina a ‘Declaración de Montevideo’ e xa forma parte da rede de cuncas hidrográficas transfronteirizas eurolatinoamericanas
O agrupamento miñoto traballará man a man con entidades de Uruguai, Arxentina, Brasil ou do Rhin compartindo experiencias de sostibilidade ambiental e prevención de riscos vencellados ao cambio climático
O AECT Rio Minho vén de asinar en Uruguai a ‘Declaración de Montevideo’, o documento de formalización da Rede de Cuncas Hidrográficas Transfronteirizas Euro-Latinoamericanas, unha entidade internacional que pretende facilitar o intercambio de coñecementos e favorecer a cooperación e compartir experiencias e coñecementos en materias de recursos hídricos, sostibilidade ambiental e riscos vencellados ao cambio climático, entre outros.
O director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, foi ‘testificante’ da sinatura da Declaración de Montevideo ‘en liña’ xunto á Xabier Macías, desprazado ata Paysandú durante toda a pasada semana. Para o mandatario é fundamental o posicionamento do agrupamento miñoto nunha rede destas características, xa que fortalece as relacións interinstitucionais e intergubernamentais con entidades de moita máis entidade e orzamento como son as das concas do Rhin, o río Uruguai, o lago Titicaca e as compartidas por Ecuador, Bolivia, Brasil e Perú.
Durante a celebración do encontro de formalización da rede, o representante do AECT Rio Minho explicou ante un auditorio de máis de 150 persoas as particularidades do planeamento estratéxico do agrupamento miñoto, o traballo que se realiza coas eurocidades, a promoción do turismo e a necesidade de avanzar na protección medioambiental compartida.
Dende o AECT Rio Minho asistiuse tamén con interese á avanzada experiencia de xestión do Rhin, compartida entre varios estados europeos (Suiza, Liechtenstein, Austria, Alemaña, Francia, e Países Baixos); á da Comisión Administradora do Río Uruguai (CARU), entidade anfitrioa que xestiona a navegabilidade e as pontes internacionais do Río Uruguai; así como á presentación do proxecto de Corredor biolóxico na tripla fronteira que se visitará hoxe nas inmediacións de Barra do Quaraí.
Tamén se asinaron acordos co Comité Trinacional (de Uruguai, Arxentina, Brasil) de maneira bilateral coas Eurocidades, así como coa Mancomunidade Internacional do Lago Titicaca. Houbo tamén un recibimento polo presidente da República, Luis Lacalle Pou.