13 Jul O Observatorio do Río Miño Transfronteirizo revela un territorio con máis empresas, menos poboación e maior renda per capita
O Observatorio das Dinámicas Transfronteirizas do Río Miño (ODT) presentou o seu último informe sobre os recursos endóxenos do territorio nun workshop celebrado hoxe no Salón Nobre da Cámara Municipal de Melgaço no que tamén se puideron coñecer diferentes proxectos de éxito vinculados ao sector do comercio ou o turismo. Tras a benvida do presidente da Cámara Municipal de Melgaço, Manuel Batista, o evento comezou cunha presentación do ODT de mans do seu coordinador técnico, Xavier Martínez Cobas e do técnico do AECT Rio Minho, Luis Ulloa, quen explicou o funcionamento e relevancia do portal impulsado polo AECT Rio Minho https://aectriominho.eu/observatorio-das-dinamicas-transfronteirizas e o tipo de información que ofrece esta innovadora ferramenta.
A continuación a xornada centrouse no análise do informe sobre “Os recursos endóxenos no territorio do Río Miño Transfronteirizo” publicado polo observatorio e tivo lugar unha mesa redonda coa participación da directora de proxectos da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural, Eva Gil Solla, o xerente do GDR Condado-Paradanta, Francisco González Carracedo, a responsable técnica da Porta de Lamas de Mouro, Isabel Ramalhosa e o director de Adriminho, Carlos Brandão.
Menos poboación pero máis capital humano dispoñible para traballar
Segundo se desprende do informe realizado polo ODT e publicado polo AECT Rio Minho, a agricultura e gandería son as actividades máis relevantes na área, pero o seu peso foi diminuíndo lixeiramente ao longo dos anos, aumentando, por outra banda, a actividade forestal.
A situación dos recursos humanos é máis complexa. Mentres se observa un descenso da poboación, obsérvase un aumento do emprego, é dicir, o conxunto do capital humano está a diminuír, pero aumenta o capital humano dispoñible para a obtención de riqueza. Tamén está a diminuír o número de alumnos do ensino obrigatorio, o que é un indicador dunha futura caída do capital humano do territorio. Pola contra, tamén se identifica un certo crecemento da capacidade de innovación.
En canto ás empresas obsérvase un crecemento das mesmas, algo moi habitual nas zonas transfronteirizas, xa que os intercambios de produtos forman parte das súas vantaxes competitivas. No referido á súa distribución, destacan comparativamente as actividades de comercio, agricultura e construción.
Obsérvase un crecemento no PIB per capita, no número de empresas dedicadas a actividades sanitarias por cada mil habitantes, no número de persoal dedicado aos servizos sanitarios en centros de saúdepor cada mil habitantes, no número de empresas dedicadas á educación por cada mil habitantes e nas dedicadas a actividades culturais. 34 O único descenso é o número de centros educativos por cada mil habitantes. Neste sentido, obsérvase unha mellora da calidade de vida con certo risco potencial pola falta de capital humano no futuro.
Fonte de datos socioeconómicos transfronteirizos
O ODT do Río Miño é unha ferramenta innovadora de obtención de datos para a posta en marcha de políticas públicas e privadas de éxito dirixida a institucións, empresas, persoas emprendedoras e estudantado. O portal ofrece unha diagnose socioeconómica do tramo internacional do Miño entendido como un territorio único e non dous espazos inconexos divididos pola fronteira.
A creación do ODT forma parte do proxecto de cooperación europea promovido polo AECT Rio Minho “Rede de Apoio ás dinámicas locais de cooperación no río Miño transfronteirizo – Rede Lab Miño” cofinanciado polo Programa Interreg V-A España Portugal.