AECT Rio Minho crea un observatorio para analizar as dinámicas socioeconómicas transfronteirizas do Miño

O Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial do Río Miño, AECT Rio Minho, está a traballar para poñer en marcha un Observatorio de Dinámicas Transfronteirizas (ODT) no territorio miñoto. Trátase dun proxecto que revelará información socioeconómica do territorio galego e portugués de maneira conxunta para poñer en marcha iniciativas “de éxito” tanto de políticas públicas como de proxectos privados.

O proxecto terá un soporte web que estará ligado á web institucional do AECT na que se envorcarán diferentes datos socioeconómicos do territorio do río Miño transfronterizo. O obxectivo é que sirva para que investigadores, institucións e persoas emprendedoras poidan empregalo como ferramenta de obtención de datos para analizar o territorio e poder facer políticas públicas e privadas. Esta base de datos inclúe información relacionada, por exemplo, coa vivenda, a calidade de vida, a innovación, o tecido empresarial, transporte e mobilidade, emprego, formación, infraestruturas, cultura, turismo ou medio ambiente

O ODT do Rio MINHO, como todos os observatorios socioeconómicos, nace coa vocación de servir a persoas estudosas, institucións e persoas emprendedoras como ferramenta de obtención de datos para analizar o territorio e poder facer políticas públicas e privadas de éxito. O ODT do Rio MINHO é unha “ferramenta indispensable” para continuar actualizando a diagnose territorial da Estratexia do Rìo Minho Transfronterizo, e o seu Plano de Acción, hoxe desenvolvido en fichas de proxectos en busca de financiamento.

O ODT está a ser despregado no ámbito do proxecto “Rede de Apoio ás dinámicas locais de cooperación no río Miño transfronteirizo – REDE_LAB_MINHO” cofinanciado polo Programa Interreg V-A España Portugal (Actividade2 – Construción e dinamización dunha rede de cooperación e observación das dinámicas transfronteirizas). Aínda que ao primeiro impulso se dá con financiamento europeo, preténdese crear unha cooperación estable con outras entidades – vía protocolos de colaboración- que permita mantelo no tempo.

Esta iniciativa innovadora foi presentada día 26 de abril a alcaldes, alcadesas e representantes dos concellos implicados.