04 Abr O Consello Consultivo ratifica a Estratexia ‘Río Miño Transfronteirizo 2030’
O órgano de participación do AECT Rio Minho validou o documento que marcará as liñas de actuación da cooperación transfronteiriza dos próximos 10 anos
O Consello Consultivo do AECT Rio Minho, presidido polo director do agrupamento, Uxío Benítez, reuniuse hoxe na Escola Superior de Ciencias Empresariais de Valença, para dar o seu visto e prace a ‘Estratexia Río Miño Transfronteirizo 2030’. Ata 26 organismos de Galicia e Portugal, incluídas cámaras de comercio e asociacións de empresas, participaron no encontro, ao que tamén asistiu a secretaria de Estado de Desenvolvemento Rexional do país luso, María do Céu Albuquerque, en representación do Ministerio de Planeamento portugués.
O documento, elaborado no seo do proxecto Smart Minho, servirá como guía das actuacións en materia de cooperación transfronteiriza no territorio durante a próxima década.
A Estratexia Río Miño Transfronteirizo 2030 establece un plan de acción en base a cinco eixos estratéxicos: Gobernanza e programas de servizos conxuntos; Turismo sustentábel e responsábel; Cultura transfronteiriza; Mobilidade sustentable, e Sustentabilidade e economía innovadora. A Estratexia senta as bases das actuacións, pero este é un documento vivo, unha ferramenta dinámica a partir da cal se irán definindo as accións concretas.
O documento presenta unha análise profunda do territorio en clave de poboación, estrutura económica, mercado de traballo, mobilidade, recursos naturais e programas de servizos e equipamentos públicos transfronteirizos xa existentes. Os datos demográficos do territorio descobren por exemplo dúas realidades moi diferentes dentro do AECT, por unha banda unha zona interior – oriental, caracterizada por baixas densidades de poboación e perda de poboación constante nos últimos 25, cun claro envellecemento da mesma; e por outra unha zona costeira – occidental cunha densidade maior e un envellecemento máis moderado, un dos principais retos aos que se deberá facer fronte no futuro.
Dous anos de traballo
“O río Miño como vector central do desenvolvemento do territorio” é a visión sobre a que se desenvolve este traballo de case dous anos de análise. O proceso de elaboración da `Estratexia Rio Minho Transfronteirizo 2030` comezou en outono de 2017 cunha rolda de entrevistas cos responsables municipais das dúas marxes do río, e dividiuse en diferentes fases. Tras a redacción dun primeiro borrador, que foi sometido á debate no I Fórum do Rio Minho Transfronteirizo ao que asistiron máis dun centenar de persoas, a participación cidadá completouse coa organización de 4 mesas temáticas e a realización dunha enquisa a través da web www.smartminho.eu. Paralelamente tivo lugar unha segunda rolda de xuntanzas coas alcaldías do territorio e reunións con outros actores territoriais e institucionais relevantes.
En novembro de 2018 tivo lugar o II Fórum do Río Miño transfronteirizo, onde se presentou o documento estratéxico reformulado, incluíndo todas as aportacións e conclusións dos encontros mantidos, para sometelo novamente a debate coa cidadanía. Por último, tras a aprobación do Consello Coordinador presentouse hoxe ante o Consello Consultivo do AECT Rio Minho para a súa validación. A Estratexia formulouse tendo en conta os marcos comunitarios, tanto estratéxicos coma orzamentarios do período 2014 – 2020 e das perspectivas para o próximo período 2021 – 2027.
O equipo redactor do documento estivo composto por técnicos da Deputación de Pontevedra, CIM Alto Minho, e Fundación CEER. Para garantir a calidade científica e académica do proceso contouse tamén con expertos e expertas das universidades públicas da eurorrexión, que conformaron o Comité Científico Asesor, composto polo doutor Anxo Calvo da Universidade da Coruña; o doutor Rubén Camilo Lois, da Universidade de Santiago de Compostela; o doutor José Alberto Rio Fernandes, da Universidade do Porto; o doutor Francisco Carballo, Universidade do Minho e a profesora Sandrina Ferreira Antunes, da Universidade do Minho.
Smart Minho
A Estratexia 2030 é o principal produto do proxecto Smart Minho, cofinanciado nun 75 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2014-2020 (POCTEP 2014-2020), en concreto no seu eixe 4, destinado á mellora da capacidade institucional e eficiencia da Administración pública.