A Comisión Europea e a OCDE seleccionan ao AECT Rio Minho como proxecto piloto para mellorar a gobernanza nas rexións transfronteirizas de Europa

A Dirección Xeral de Política Rexional e Urbana (DG Regio) da Comisión Europea e a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE) veñen de seleccionar ao AECT Rio Minho como un dos representantes de cinco rexións piloto de toda Europa para participar no lanzamento do proxecto ‘Construír rexións transfronteirizas máis resilientes’. Trátase dunha iniciativa que pretende mellorar a gobernanza nos espazos transfronteirizas co fin de mellorar a calidade de vida da cidadanía.
Este proxecto -de 15 meses- ten como obxectivo axudar ás rexións transfronteirizas piloto a mellorar a gobernanza multinivel transfronteiriza a través do desenvolvemento conxunto de iniciativas de cooperación transfronteiriza. En particular, o proxecto analizará a creación conxunta e a implementación de políticas públicas (por exemplo, política fiscal transfronteiriza) e servizos (por exemplo, en atención médica, transporte, educación) en áreas fronteirizas funcionais.
 
 
O comezo oficial do proxecto foi o pasado mércores en Bruxelas, cunha reunión presencial que contou co director e o subdirector do AECT Rio Minho, Uxío Benítez e Rui Teixeira, respectivamente. O propósito da reunión foi familiarizar ás rexións piloto cos diferentes compoñentes da iniciativa e esbozar as ferramentas que se desenvolverán para apoiar a gobernanza transfronteiriza multinivel.
 
   
 
Con todo, este encontro tamén buscou crear unha oportunidade para que as rexións piloto se presentasen e partillasen ideas e puntos de vista sobre como fortalecer o investimento e a prestación pública de servizos transfronteirizos, así como aclarar a participación das rexións piloto, a DG Regio e a OCDE no desenvolvemento do proxecto.