
21 Abr Chega unha nova edición das actividades ecoturísticas ‘Vive o Rio Minho’
Permitirá dar a coñecer e impulsar o territorio transfronteirizo do Miño como destino de natureza ao abeiro do proxecto VIVE_RIO_MINHO
No ámbito do proxecto VIVE_RIO_MINHO, continuación do VISIT_RIO_MINHO, o AECT Rio Minho, a Deputación de Pontevedra e a CIM Alto Minho veñen de organizar unha nova edición das actividades ecoturísticas ‘Vive o Rio Minho’ para dar a coñecer e impulsar o territorio transfronteirizo do Miño como destino de natureza.
Entre as propostas de balde para o público haberá unha andaina popular, rutas de sendeirismo, balsismo, caiac, visitas culturais, degustacións de viño e observación de estrelas que se desenvolverán entre o vindeiro domingo 30 de abril e o 4 de xuño, a cargo da empresa Xeitura. As inscricións nas actividades, que terán un máximo de 60 prazas, abriranse os luns anteriores á celebración e cubriranse por estrita orde de chegada.
A intención da programación, segundo explica Uxío Benítez, director do AECT Rio Minho, é atraer visitantes ao territorio do río Miño para amosarlles todos os seus atractivos e riqueza paisaxística, natural, cultural e gastronómica dentro dun destino situado estratexicamente e compartido por dous países. Haberá actividades en Vila Nova de Cerveira, Tomiño, O Rosal, Melgaço, Salvaterra, Arbo, Monçao, A Guarda, Oia e Caminha. Unha cuestión fundamental, segundo subliñou, é realizar o aproveitamento do potencial turístico da zona dun xeito sostible e racional para así garantir a calidade da oferta como un destino tranquilo e sen aglomeracións de xeito sostido no tempo.
O programa ‘Vive o Rio Minho’ realízase dentro do proxecto homónimo, cofinanciado con fondos FEDER a través do programa ‘Interreg V-A POCTEP 2014-2020’, tal como xa se fixera na súa anterior edición en 2020, cando, a pesar de estar en plena pandemia, fora un éxito de participación esgotando as prazas dispoñibles en apenas minutos.