As técnicas municipais do territorio reúnense para preparar unha enquisa para a veciñanza no marco da elaboración Axendas Urbanas Transfronteirizas

Unha vez rematadas as mesas de traballo, as equipas municipais do territorio e o AECT Rio Minho mantiveron hoxe un novo encontro online no marco da elaboración das Axendas Urbanas Transfronteirizas do Río Miño para preparar o proceso de participación cidadá que completará o traballo realizado ata agora polos concellos. Na reunión tamén estivo presente o consultor responsable de asesorar e guiar as equipas ao longo de todo o programa de capacitación, Arturo González.

En concreto, cada un dos tres grupos de traballo formados redactará unha enquisa sobre as temáticas máis relevantes que afectan ao seu territorio. Os cuestionarios estarán dispoñibles ao público a partir do 15 de decembro na páxina web do AECT Rio Minho ata o 15 de xaneiro do 2023. A participación será anónima e as preguntas xirarán ao redor dos problemas cotiás da veciñanza como poden ser a mobilidade, vivenda, cultura, igualdade, reciclaxe ou economía circular.

As Axendas Urbanas Transfronteirizas do Rio Minho son un traballo de cooperación e de planificación conxunta entre ambas marxes do río para crear proxectos de futuro baseados nos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da ONU. O obxectivo é gobernanza común a nivel local enfocándose na mellora da vidas das persoas e crear un territorio máis sustentable e inclusivo.

O programa de capacitación “Axendas Urbanas Transfronteirizas das Eurocidades do Río Miño” intégrase no proxecto “Rede de Apoio ás Dinámicas Locais de Coooperación no Río Miño Transfronteirizo” – Rede Lab Minho”, promovido polo AECT Rio Minho e co-financiado polo Programa Interreg V-A España – Portugal”.