AECT Rio Minho presenta novas experiencias para descubrir o territorio transfronteirizo – “Un río, dous países, dez experiencias”

 

O programa “Un río, dous países, dez experiencias” foi presentado este venres en Salvaterra de Miño no marco do proxecto VISIT_RIO_MINHO_PLUS

O AECT Rio Minho presentou hoxe, na Casa do Conde, no Castelo de Salvaterra de Miño, o programa “Un río, dous países, dez experiencias”, unha nova iniciativa que convida a residentes e visitantes a descubrir o territorio transfronteirizo a través da natureza, da historia, do patrimonio e da paisaxe.

O programa foi desenvolvido no marco do proxecto VISIT_RIO_MINHO_PLUS, cofinanciado polo Programa Interreg VI-A España–Portugal (POCTEP) 2021-2027, e forma parte do traballo impulsado polo AECT Rio Minho para a creación de produtos turísticos conxuntos e para consolidar o territorio como un destino integrado, sostible e diferenciado.

A sesión contou coas intervencións de Lorena Soto, Concelleira de Cultura do Concello de Salvaterra de Miño; de Luis Ulloa, Técnico de Proxectos do AECT Rio Minho; e de Roberto J. Álvarez Carrero, Subdirector do AECT Rio Minho e Deputado de Cooperación Transfronteiriza e Relacións Institucionais da Deputación de Pontevedra.

Durante a presentación déronse a coñecer os dez percorridos que se desenvolverán nos meses de xullo e setembro e que abranguen os 26 municipios do territorio do AECT Rio Minho. O programa inclúe actividades a pé, en bicicleta e en autobús, con itinerarios vinculados ao patrimonio histórico, ás fortalezas, á paisaxe, aos espazos termais e ás tradicións locais.

As experiencias foron estruturadas a partir dos produtos turísticos “Natureza e Paisaxe” e “Patrimonio Histórico e Fortalezas”, desenvolvidos polo AECT Rio Minho.

O programa comeza esta fin de semana con dúas experiencias dedicadas ao patrimonio fortificado do territorio. O sábado, 11 de xullo, terá lugar o percorrido “Fortalezas Atlánticas”, entre A Guarda, O Rosal, Oia, Tomiño e Vila Nova de Cerveira. O domingo, 12 de xullo, desenvolverase a experiencia “Fortalezas do Alto Minho”, que une Salvaterra de Miño, Monção, Valença e Tui.

Estas actividades súmanse ao programa “Vive o Rio Minho ao Máximo”, iniciado o pasado 29 de xuño coas primeiras experiencias náuticas no río Minho. Esta programación inclúe 26 actividades náuticas distribuídas por diferentes puntos do territorio e ofrece 300 prazas, das cales 100 están destinadas a profesionais do sector turístico e 200 ao público en xeral.

No seu conxunto, ambas iniciativas buscan achegar residentes e visitantes aos recursos naturais, culturais e históricos do territorio, apoiar os operadores turísticos locais e promover novas formas de descubrir o Rio Minho e a súa contorna.

As actividades forman parte da estratexia do proxecto VISIT_RIO_MINHO_PLUS para consolidar o Rio Minho como un destino turístico transfronteirizo, mediante unha oferta diversificada, coordinada e adaptada a distintos públicos.

As persoas interesadas poden consultar a programación e formalizar a súa inscrición a través das plataformas oficiais de Visit Rio Minho.

Máis información:

https://visitriominho.eu/

https://www.instagram.com/rio.minho/

https://www.facebook.com/VisitRioMinho/

Inscricións nas experiencias:

https://visitriominho.eu/caminhadas/