A Unión Europea sinala as oportunidades das fronteiras fluviais como a do Minho como factor de cohesión social e crecemento económico

O AETC Rio Minho e o AECT GO (Italia – Eslovenia) lideraron hoxe un debate dos Side Events organizado arredor da Semana Europea das Rexións e Cidades (#EURegionsWeek) sobre as peculiaridades das fronteiras fluviais e a súa importancia como nexo de unión entre pobos e territorios. O encontro estivo moderado pola xefa adxunta da unidade “Interreg, Cooperación transfronteiriza, Fronteiras interiores” da DG REGIO, Nathalie Verschelde, e contou coa participación do director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, da directora do AECT Go, Romina Kocina, da eurodeputada Isabel Estrada Carvalhais e do eurodeputado Matjaž Nemec.

Ante a pregunta de se os ríos rompen a continuidade territorial ou polo contrario son un factor de conexión entre ambas as beiras, a xornada evidenciou o papel que xogan os ríos internacionais como grande ferramenta de cohesión e crecemento económico pero tamén as problemáticas ás que se enfrontan os territorios transfronteirizos, tanto na preservación medioambiental das súas cuncas hídricas, como ante os obstáculos legais e administrativos derivados da existencia de normativas diferentes entre estados.

Nesa mesma liña manifestouse o director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, quen relatou os desafíos aos que se enfronta o territorio galego portugués, que ademais se atopa baixo protección da Rede Natura 2000. Por outro lado, lembrou como as restricións nos desprazamentos e o peche da fronteira derivados da crise sanitaria do Covid-19 afectaron dramaticamente ao territorio do Río Miño e á mobilidade de preto de trece mil traballadoras e traballadores transfronteirizos durante meses.

Segundo sinalou a representante da DG REGIO, Nathalie Verschelde, a cuestión dos ríos fronteira non é marxinal xa que na Unión Europea contabilízanse 51 fronteiras naturais deste tipo, entre elas algunhas sobradamente coñecidas como as do río Elba, o Rin ou o Danubio.