Unha delegación da AECT Rio Minho viaxa a Bruxelas para presentar a nova agrupación territorial

Unha delegación da AECT Rio Minho, encabezada polo seu director e deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez, viaxará mañá a Bruxelas para dar a coñecer a nova agrupación territorial ante a Comisión Europea. Benítez estará acompañado polo vicepresidente da AECT Rio Minho, o portugués Fernando Brito Nogueira, pola vogal e deputada de emprego da Deputación de Pontevedra, Montse Magallanes, representantes de diferentes concellos como Tomiño, A Guarda e Melgaço e o secretariado técnico da entidade. Durante a viaxe, a delegación da AECT reunirase con diferentes direccións xerais da Comisión Europea e visitará o Parlamento Europeo.

Segundo avanzou Uxío Benítez, o obxectivo desta visita é presentar a nova AECT Rio Minho ante as institucións europeas, así como os proxectos nos que a agrupación está envolta e os seus plans de futuro. Entre as actividades da entidade destacan a súa participación nos proxectos de cooperación transfronteiriza Smart Minho e Visit Rio Minho, ambos cofinanciados por fondos FEDER.

En concreto presentarase a Estratexia Río Miño 2030, un documento realizado ao longo dos últimos meses, baixo a coordinación da AECT Rio Minho e elaborado a través de consultas á cidadanía, organización de mesas sectoriais, a implicación das entidades públicas e o asesoramento dun comité científico. O resultado deste traballo, que se presentará no II Fórum do Río Miño Transfronteirizo, é un estudo en profundidade do territorio, o primeiro destas características que se fai nesta área xeográfica, e que será fundamental acadar novos fondos europeos de cooperación durante a próxima década.

Tamén se presentará en Bruxelas o proxecto de creación dun anel verde de sendeiros galego – portugueses en torno ao Río Miño Transfronteirizo. Dentro do anel verde están previstas importantes actuacións como a creación do 1º Parque transfronteirizo de ocio de Europa, situado entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira, e a realización dun concurso internacional de ideas para a construción dunha ponte internacional para o tránsito de persoas e bicicletas, que comunicará as marxes galega e portuguesa do parque e dará continuidade aos sendeiros do anel verde.