Tui acolle unha nova xornada sobre Axendas Urbanas Tranfronteirizas centrada na visión de futuro das Eurocidades

A Aula CEMIT de Tui acolleu hoxe unha nova sesión de capacitación orientada á creación das Axendas Urbanas Transfronteirizas do Rio Minho dirixida a técnicos e técnicas municipais. O obradoiro centrouse na aprendizaxe de ferramentas de análise sobre a visión de futuro das Eurocidades e a identificación de cambios transformadores para estes territorios.

Estas xornadas forman parte do programa de capacitación para a creación das Axendas Urbanas Transfronteirizas promovido polo AECT Rio Minho que ten por obxectivo fortalecer e aumentar as relacións de cooperacións entre os municipios das dúas marxes do Rio Minho a través desta innovadora ferramenta. Ao remate das sesións formativas que se estenderán durante as seguintes semanas os técnicos e técnicas municipais das Eurocidades (Tomiño-Cerveira e Salvaterra- Monção) e dos diferentes grupos de traballo conformados (Melgaço –Arbo–As Neves e Caminha-A Guarda-Rosal) presentarán un informe as súas conclusións e propostas. O próximo obradoiro celebrarase en Valença o 25 de febreiro e centrarase na dinamización de axentes e promoción de procesos creativos.

A Axenda Urbana é unha ferramenta de planificación estratéxica de adhesión voluntaria que agrupa a todos os axentes privados e públicos que interveñen nun territorio co fin de promover o desenvolvemento sostible, xusto e equitativo desa área. A súa posta en marcha no territorio do Rio Minho facilitará o traballo de cooperación e de planificación conxunta que xa se vén desenvolvendo e axudará a concibir o espazo transfronteirizo como un área funcional.

O programa forma parte do proxecto “Rede de Apoio ás Dinámicas Locais de Coooperación no Río Miño Transfronteirizo” – Rede Lab Minho”, do AECT Rio Minho, co-financiado polo Programa Interreg V-A España – Portugal.