Cantiga, festa e romaría

As feiras, festas e romarías constituían no pasado unha das escasas oportunidades de folgar. Nelas, a festa profana engade ao ritual relixioso o sentimento cultural da comunidade, cunha forte presencia da música, a danza e o canto.

Instrumentos de percusión, a gaita, a concertina, o acordeón ou o cavaquinho, un dos instrumentos miñotos por excelencia, producían música para que os ouvintes escoitaran ou bailaran ao seu ritmo. No territorio galego e portugués do río Miño transfronteirizo constituíronse agrupacións musicais únicas, as treboadas,  só presentes na bisbarra do Baixo Miño e que se coñecen no norte de Portugal como Zes Pereiras.

As treboadas pódense considerar unha evolución do grupo de gaitas tradicional, que estaba integrado por unha gaita, un tambor e un ou dous bombos. Durante o século XIX fóronselle incorporando instrumentos como os bombos de mallada, ata constituír o que se coñece como unha treboada, composta de xeito maioritario por estes instrumentos cos seus toques propios.

Se o noso patrimonio oral relacionado coas cantigas dispón dun repertorio excepcional, desde a literatura galaico-portuguesa ata as cantigas tradicionais, de entre el pódense destacar as regueifas.

A regueifa

A regueifa galega sitúase moi próxima ao cantar ao desafío dos seus irmáns do Minho, aínda que estes empregaban máis a zanfona que a concertina, un instrumento que se introduce en Portugal no século XIX. Constitúe, por tanto, unha cantiga improvisada na que dúas ou máis persoas versan unha disputa sobre un tema determinado ou intentan obter o maior aplauso do público. A regueifa, un tipo de molete de pan, dá nome a esta forma de expresión musical, xa que esta competición era habitual durante as vodas, onde o vencedor era premiado con esta peza de pan.

No Miño, a tradición do cantar ao desafío nunca perdeu espazo e actualmente trátase dun gran reclamo, con novos cantadores e cantadoras, en festivais, festas e romarías. Á súa vez en Galiza, a causa da perda do uso da lingua galega e dunha sociedade marcada polo abandono do rural, o xénero da regueifa case desaparece. A recente valorización da cultura tradicional provocou o rexurdimento deste patrimonio inmaterial, mais deixou o espazo das romarías, festas e vodas. Os novos e novas intérpretes son mozos e ilustrados, marcados polos estilos de vida urbanos.