02 Feb Salvaterra e As Neves coñecen os Tesouros Humanos Vivos do Miño
A rapazada dos concellos de Salvaterra e as Neves aprenderon hoxe como se desenvolve a pesca tradicional da lamprea e achegáronse á práctica da transhumancia, dúas mostras de traballos artesanais que aínda sobreviven nos concellos da raia. Escoitaron a importancia de conservar o idioma, nalgúns casos en risco de desaparecer como a variedade dialectal do ‘goianés’ e coñeceron particularidades musicais como as treboadas. Todos eles Tesouros Humanos Vivos do Miño.
Da man de Polo Correo do Vento, o alumnado de ambos os dous colexios coñeceu dun xeito lúdico e divertido estes aspectos do noso patrimonio inmaterial. Uns contacontos que están a percorrer diferentes centros educativos dentro da iniciativa ‘Tesouros Humanos Vivos’ da Deputación, a través do departamento de Cooperación Transfronteiriza de Uxío Benítez.
Os nenos e nenas do colexio Infante Felipe e o CEIP Marquesa Pazo da Mercé asistiron hoxe aos contacontos da Deputación dos Salvaterra e As Neves coñecen os `Tesouros Humanos Vivos´ do Miño
As historias de Enrique Mauricio chegan ao alumnado cargadas de ritmo coa música en directo do ukeleñe de Antón Ké. A continuación o ilustrador Carlos Taboada anima á rapazada a participar elaborando os seus propios debuxos e ilustracións que pasarán a decorar o centro educativo.
O obxectivo da actividade – que se desenvolveu, como non podía ser doutro xeito, respectando as medidas sanitarias impostas polo coronavirus- é poñer en valor as biografías homenaxeadas dentro do proxecto de recuperación da memoria galego-portuguesa e afondar na idea do río Miño como unión de cultura, cunha proposta na que os nenos e nenas interaccionan co conto e co debuxo.
Escoitaron da man de Polo Correo do Vento que son as pesqueiras, as variedades dialectais da raia ou as músicas e os traballos tradicionais
A iniciativa, que xa pasou polos colexios Manuel Sieiro de Crecente, o Colexio Padres Somascos da Guarda e o CPI Manuel Suárez Marquier de O Rosal rematará este primeiro ciclo de actuacións nos centros educativos de Tomiño e Tui. Trátase dunha actividade enmarcada no proxecto Tesouros Humanos Vivos do proxecto SmartMinho que desenvolve a Deputación de Pontevedra co cofinanciamento do 75 % do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional que busca documentar o noso patrimonio inmaterial e a súa posta en valor, así como a súa transmisión ás novas xeracións evitando así a súa desaparición.