Os AECT’s Rio Minho e Guadiana intercambian experiencias en Ayamonte sobre promoción de ríos internacionais e estudan sinerxías de cara a captación conxunta de fondos transfronteirizos

O AECT Rio Minho e o AECT Eurocidade do Guadiana, integrado polo municipio español de Ayamonte (Huelva) e os municipios portugueses de Castro Marim e Vila Real de Santo Antonio, reuníronse en Ayamonte para intercambiar experiencias sobre proxectos de promoción de ríos internacionais, así como para estudar sinerxías entre ambos agrupamentos para a captación conxunta de fondos transfronteirizos para os respectivos territorios.

O director do AECT Minho, Uxío Benítez, e a membro do AECT Eurocidade do Guadiana e alcaldesa de Ayamonte, Natalia Santos, entrevistáronse hoxe xunto ás súas equipas técnicas para abordar esta cuestión, salientando as grandes coincidencias dos dous agrupamentos: ambos AECT’s sitúanse en territorios arredor de ríos internacionais, teñen unha actividade económica central como a pesca que precisa unha mellora de xestión, teñen tamén unha grande potencialidade turística e, a maiores, a día de hoxe son os treitos de fronteira máis poboados e con maior dinamismo de toda a Península Ibérica.

Na reunión de traballo puxéronse sobre a mesa varios dos proxectos que ambos AECT’s están a desenvolver de maneira individual e tamén se perfilaron algunhas ideas sobre os proxectos conxuntos que poderían ter futuro.

Asemade, tamén se estudou a posibilidade de optar conxuntamente a fondos para a mellora ambiental de ambas concas fluviais, que nestes momentos teñen grandes problemas e precisan de recursos e actuacións urxentes, e de pór en marcha propostas de turismo fluvial coordinadas.

Avaliouse ademais desenvolver iniciativas que supuxesen unha mellora da cogobernanza na xestión da pesca, aportando o Río Miño a súa experiencia ao respecto.

Encontros coma este son fundamentais para o AECT Rio Minho xa que permiten tecer redes con outras entidades (xa ben AECT’s ou doutro tipo) que xestionen ríos transfronteirizos noutros territorios europeos. Nesa mesma liña de traballo o agrupamento do Rio Minho realizou recentemente unha xornada de traballo conxunta co AECT GO, territorio transfronteirizo entre Eslovenia e Italia que ten o río Soča como eixo central.