05 Mai O ecoturismo chega ao territorio do AECT Rio Minho da man de ‘Vive o Rio Minho’
Rutas de sendeirismo, caiac e visitas guiadas son algunhas das actividades das que se poderán gozar
As inscricións abriranse o luns anterior á celebración de cada unha das actividades
O territorio do AECT Rio Minho será o escenario no que transcorran moitas das actividades ecoturísticas ‘Vive o Rio Minho’, un programa posto en marcha para dar a coñecer e impulsar o territorio transfronteirizo do Miño como destino de natureza. Desde rutas de sendeirismo ata caiac, pasando por visitas guiadas ou balsismo, estas propostas de balde contarán cun máximo de 60 prazas e estarán abertas a todos os públicos.
As inscricións para cada unha das actividades abriranse os luns anteriores á celebración de cada unha das propostas e cubriranse por estrita orde de chegada. Na web da inscrición as persoas interesadas atoparán información sobre cada unha das rutas, horarios e recomendacións para que as e os participantes poidan desfrutar ao máximo da actividade.
Actividades
A primeira actividade no territorio do AECT Rio Minho será o vindeiro domingo 14 maio en Tomiño e O Rosal, cunha proposta de ruta de sendeirismo pola Senda dos Pescadores para despois facer o treito inverso en caiac polo río. Ambas rutas estarán guiadas e interpretadas, discorrendo por unha paraxe natural e cultural de moita beleza. A xornada ocupará o día completo, dende as 10:00 ata as 19:30 horas. As inscricións abriranse o 8 de maio para persoas maiores de 8 anos que saiban nadar.
O sábado 20 de maio a actividade desenvolverase entre Melgaço e Arbo e incluirá unha visita guiada á vila de Melgaço e o Solar do Alvarinho en Portugal, para despois ir ao Museo Arabo do viño e a lamprea en Arbo. Pola tarde haberá balsismo na zona de Arbo. A ruta será de 10:00 a 20:30 horas para maiores de 12 anos, sendo imprescindible saber nadar.
O sábado 27 de maio tocará visitar Monçao e Salvaterra de Miño cunha ruta pola zona de Longos Vales de 10:00 a 20:00 horas na que se visitará Salvaterra e o Museo da ciencia do viño cunha degustación.
O sábado 3 de xuño a visita será á Guarda e Oia para facer a ruta das cetáreas e do Camiño de Santiago pola Costa, visitando o Museo do Mar, unha adega da zona con degustación, o mosteiro de Santa María de Oia e cunha ruta de sendeirismo que rematará nos petróglifos da Pedreira para despois cear ao solpor na zona e realizar unha actividade de observación astronómica. A xornada comezará ás 10:00 e rematará ás 00:00 horas.
Xa o domingo 4 de xuño celebrarase a última xornada en Caminha, onde se fará unha visita guiada á vila, unha ruta de sendeirismo circular de 6 quilómetros na contorna da praia de Moledo para rematar cunha visita ao Forte da Ínsua, xusto na desembocadura do Miño, ata onde se chegará en barca.
O programa ‘Vive o Rio Minho’ realízase dentro do proxecto homónimo, cofinanciado con fondos FEDER a través do programa ‘Interreg V-A POCTEP 2014-2020’, tal como xa se fixera na súa anterior edición celebrada en 2020, cando, a pesares de estar en plena pandemia, fora un éxito de participación esgotando todas as prazas dispoñibles en apenas minutos.