01 Ago O congreso ‘O Corredor Verde Transfronteirizo’ debate en Melgaço sobre a xestión dos recursos hídricos
Unha decena de expertos galegos e portugueses puxeron en común as estratexias transfronteirizas de cooperación arredor do Río Miño
Unha decena de expertos de diferentes institucións galegas e portuguesas déronse cita o pasado venres en Melgaço para debater sobre a xestión de recursos hídricos e a cooperación transfronteiriza no congreso ‘Río Miño: o corredor verde transfronteirizo’.
O evento foi froito da colaboración entre CIM Alto Minho, a Deputación de Pontevedra e AECT Rio Minho, e é parte do proxecto “VIVE_RIO_MINHO”, cofinanciado polo POCTEP, que ten como obxectivo impulsar o territorio transfronteirizo do Rio Minho como un destino de natureza sustentable.
O congreso abriu da man de Roberto Carrero, Deputado Provincial da Deputación de Pontevedra, Bruno Caldas, Primeiro Secretario do Secretariado Executivo Intermunicipal da CIM Alto Minho e José Adriano Lima, Vice-Presidente da Cámara Municipal de Melgaço. Nesta sesión de apertura, destacouse a importancia de pensar en conxunto a estratexia do río Miño e a xestión dos seus recursos, desde unha perspectiva económica que teña en conta a dimensión medioambiental.
O congreso estivo conformado por tres paneis. No primeiro, investigadores do Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental da Universidade do Porto, e de SIMBIENTE, afondaron na importancia da colaboración transfronteiriza na xestión da calidade da auga e a xestión integrada dos recursos hídricos.
No segundo panel, expertos procedentes da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e do Instituto de Investigaciones Marinas do CSIC expuxeron por unha banda modelos de colaboración en materia de ecoloxía fluvial, e por outra banda, o caso concreto da pesca no Rio Minho, que foron visitadas ao peche do congreso.
O terceiro panel debateu o futuro da pesca no Rio Minho, con representantes procedentes do Instituto Português do Mar e da Atmosfera (IPFA), da Associação de Profissionais da Pesca do Rio Minho e Mar (APPRMM) e de Pesqueiras, Associação dos Pescadores do Rio Minho. Antes das conclusións, a cargo do Director o Aquamuseu do Rio Minho, Carlos Antunes, o profesor da USC Valerià Paul Carril presentou os traballos de revisión da Estratexia Río Minho 2030.
O peche do congreso correu a cargo de Manoel Batista, Presidente do Conselho Intermunicipal da CIM Alto Minho e Presidente da Câmara Municipal de Melgaço. Todos os asistentes puideron gozar dunha visita comentada ás pesqueiras do Rio Minho, da man de Álvaro Campelo, da Universidade Fernando Pessoa, co propósito de dar a coñecer as dimensións económica e cultural desta arte de pesca.