O Barómetro do Observatorio das Dinámicas Transfronteirizas analiza a evolución da innovación e do tecido empresarial no territorio transfronteirizo

 

O Barómetro do Río Miño presenta unha análise da evolución do tecido empresarial e da actividade de Investigación e Desenvolvemento (I+D) no territorio da AECT Rio Minho entre 2015 e 2024, e identifica as principais tendencias da dinámica económica da rexión transfronteiriza.

Durante este período, o territorio rexistrou un crecemento global do 16,6 % no número de empresas, pasando de 38.374 a 44.731. Esta evolución débese, principalmente, ao crecemento rexistrado no Alto Minho, cun incremento do 23,1 %, mentres que a parte galega experimentou unha redución do 1,3 %. Na actualidade, arredor do 77 % das empresas do territorio localízanse no lado portugués.

A análise revela tamén un incremento da densidade empresarial, que pasou de 104,16 a 120,75 empresas por cada 1.000 habitantes, un indicador que reflicte unha maior dinámica económica no territorio.

No ámbito da innovación, o número de empresas dedicadas á Investigación e Desenvolvemento (CNAE 72) mantívose practicamente estable, pasando de 32 a 33 empresas entre 2015 e 2024. Porén, observáronse comportamentos diferentes a ambos os lados da fronteira: Portugal incrementou o número de empresas de 19 a 25, mentres que Galicia rexistrou unha redución de 13 a 8.

O estudo evidencia, ademais, unha forte concentración da actividade de I+D en determinados municipios. No Alto Minho, Viana do Castelo e Ponte de Lima concentran o 64 % das empresas deste sector. En Galicia, O Porriño e Tui representan o 75 % das empresas dedicadas á Investigación e Desenvolvemento.

O Barómetro do Rio Minho constitúe unha ferramenta de seguimento das dinámicas económicas e territoriais do espazo transfronteirizo. Pon á disposición información que contribúe á planificación estratéxica, á definición de políticas públicas e a un mellor coñecemento da realidade do territorio.

Consulte o presente informe completo: Capítulo 3 – Innovación e desenvolvemento económico e empresarial 

 

Este Barómetro forma parte da serie de publicacións do Observatorio das Dinámicas Transfronteirizas, acción integrada no proxecto Redes de Gobernanza do Rio Minho (REDE_GOV_MINHO), cofinanciado pola Unión Europea a través del Interreg España-Portugal (POCTEP) 2021 – 2027.

 

Os dous capítulos publicados con anterioridade están dispoñibles no separador Publicacións da páxina web da AECT Río Miño ou para descarga directa nas seguintes ligazóns:

Capítulo 1 – Territorio, poboación e vivenda

Capítulo 2 – Sanidade