O AECT Rio Minho promove o ‘Minho Wine Experience’ mesturando viño e rutas en bicicleta

O AECT Rio Minho promove o ‘Minho Wine Experience’ mesturando viño e rutas en bicicleta

O AECT Rio Minho promove o ‘Minho Wine Experience’ mesturando viño e rutas en bicicleta

O proxecto inclúe dúas saídas de 80 quilómetros en bicicleta que rematan con degustacións en adegas transfronteirizas os días 17 e 24 de xuño

O AECT Rio Minho vai celebrar este sábado 17 e o vindeiro día 24 de xuño o ‘Minho Wine Experience – Vive o Rio Minho’, unha experiencia que mestura deporte, turismo e enoloxía no territorio do Rio Minho transfronteirizo. O proxecto de enocicloturismo inclúe dúas saídas de 80 quilómetros en bicicleta por concellos galegos e portugueses da raia que rematan con experiencias de degustación en adegas de viño locais.

Unhas 45 persoas ciclistas percorrerán en bicicleta por estrada cada sábado paisaxes naturais e históricas, pasando por varios concellos galegos e lusos e atravesando as distintas pontes internacionais do Rio Minho. Na primeira xornada a saída será desde o Museo da Ciencia e do Viño de Salvaterra de Miño, para despois seguir por Monçao, Valença, Tui, As Neves, Arbo, Melgaço, e volver ao museo de Salvaterra. As paradas serán en Fillaboa e Soalheiro, tendo a ‘experiencia’ enolóxica (un menú degustación harmonizado con viños e a presenza de empresas produtoras portuguesas e galegas) en Salvaterra, da man de viños de Pazo do Pegullal e Soalheiro.

O día 24 de xuño a saída será dende o Club Ínsua de Moledo (Caminha). Pasarase por Vila Nova de Cerveira, Tomiño, O Rosal, A Guarda e de novo polo Rosal ata volver a Caminha, con paradas en Terras Gauda e o Aquamuseu do Rio Minho. O almorzo ‘vínico’ será no Insua Clube.

A duración de cada unha das rutas será de cinco horas aproximadamente e o programa é de balde, sendo necesaria a inscrición. A intención é que participen no proxecto ciclistas profesionais, figuras públicas que practican ciclismo, xornalistas e persoas con influencia ligados ao ciclismo ou mundo dos viños e calquera persoa que practique ciclismo de estrada. É preciso dispoñer de bicicleta propia.

Os programas do proxecto “Minho Wine Experience – Vive o Rio Minho” teñen o obxectivo de promocionar a comarca e todas as súas potencialidades de turismo activo, sustentable e natureza, ademais de promover a gastronomía e enoloxía transfronteiriza, seguindo o exemplo doutras propostas semellantes en territorios vinícolas de moitos países. Dentro da Península Ibérica destacan as da Rioxa, Cataluña, Andalucía e La Mancha, ademais da Ribeira do Douro en Portugal.

A iniciativa do percorrido e experiencia enociclista polo Río Minho está promovida pola AECT – Rio Minho, no ámbito do proxecto Vive Rio Minho, cofinanciado polo Programa Interreg V-A España Portugal (POCTEP).