O AECT Rio Minho colabora na execución da ponte peonil internacional As Neves – Monção

O AECT Rio Minho asina coa Deputación de Pontevedra e o Concello de Monção o protocolo de colaboración para a elaboración do proxecto de execución da ponte peonil internacional As Neves – Monção

O AECT Rio Minho celebrou, onte día 28 de xullo, nas Neves, a sinatura de dous protocolos de colaboración coa Deputación de Pontevedra e co Concello de Monção para a elaboración do proxecto de execución da ponte peonil internacional que unirá As Neves (Galiza) e Monção (Portugal). O custo total do proxecto é de arredor de 100.000 euros, a repartir en partes iguais entre as dúas entidades financiadoras: a Deputación de Pontevedra e o Concello de Monção, que asumen, cada un, o 50 % do investimento. Esta iniciativa enmárcase no plan de actividades do AECT Rio Minho para 2025 e representa un paso máis no reforzo da cooperación transfronteiriza no territorio do río Miño.

Na súa intervención, o director do AECT Rio Minho, José Manuel Vaz Carpinteira, subliñou a relevancia deste proxecto no contexto da cooperación entre as dúas marxes do río Miño. “Esta ponte é máis ca unha infraestrutura: é símbolo de cooperación e proximidade. Precisamos seguir construíndo pontes — físicas, culturais e institucionais — que reforcen a cohesión. O AECT Rio Minho asume con firmeza o seu papel neste traballo conxunto.”

A colaboración entre o AECT Rio Minho e a Deputación de Pontevedra reflicte a vontade compartida de fortalecer a cooperación transfronteiriza. Como sinalou o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, “se a máxima deste goberno provincial é tender pontes, o acto que celebramos hoxe é o mellor exemplo de que o noso compromiso se está a traducir en realidades”.

Tamén o concelleiro do Concello de Monção, Agostinho Correia, destacou a importancia da futura ponte para a conexión entre dous territorios irmáns, que comparten historia, cultura e un forte espírito de cooperación. “Este proxecto reforza a proximidade entre Monção e As Neves e permitirá a conexión directa da ecopista do río Miño e a zona de lecer do Landre, que se atopa en fase de finalización, do lado portugués, co ‘Sendero dos Pescadores’, do lado español, creando novas oportunidades de mobilidade sustentable, lecer e valorización ambiental nunha lóxica de partilla e desenvolvemento conxunto”, afirmou.

A elaboración do proxecto de execución será acompañada de preto polos servizos técnicos da Deputación de Pontevedra e do Concello de Monção co obxectivo de iniciar a seguinte fase con celeridade e garantir que a ponte se converta nunha realidade a curto prazo.

Con esta iniciativa, o AECT Rio Minho reafirma a súa misión de promover proxectos comúns que beneficien ás poboacións do territorio e reforcen os lazos entre Portugal e Galiza, nunha lóxica de proximidade, cooperación e desenvolvemento sostible.