21 Dec O AECT Rio Minho aproba o Plan de Accións e Orzamento para o 2023 e renova a súa Mesa da Asemblea
O Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial do Río Miño (AECT Rio Minho) vén de aprobar o seu Plan de Accións e o Orzamento para o ano 2023, unha partida de algo máis de 418.000 euros. Asemade, a entidade galego-portuguesa renovou os cargos da Mesa da Asemblea para o presente mandato, que ten unha duración de catro anos e carácter rotatorio bianual.
Deste xeito, a presidencia da Mesa da Asemblea recaeu no presidente da Cámara Municipal de Melgaço, Manoel Batista Calçada Pombal, mentres que a alcaldesa de O Rosal, Ánxela Fernández Callís, foi elixida secretaria do órgano xestor, cargos que pasados dous anos se alternarán.
Fondos transfronteirizos para proxectos na fronteira
Segundo informou o director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, o 2023 é un ano de transición entre os períodos de programación dos fondos europeos, polo que entre as prioridades do agrupamento para o vindeiro ano está a finalización de proxectos suxeitos a solicitudes aínda presentadas no anterior Interreg e a preparación de solicitudes para o Interreg 2021-2027. Benítez insistiu en que “estes fondos europeos nacen e están pensados para os territorios transfronteirizos e son os proxectos que se crean e xestionan dende aquí os que deben recibilos”, unha reivindicación compartida polas alcaldías do territorio e as presidencias da Deputación de Pontevedra e do CIM Alto Minho.
En 2023, seguirase apostando pola consolidación do traballo en rede fortalecendo as dinámicas locais de cooperación transfronteiriza, destacando entre elas o desenvolvemento das “Axendas Urbanas do Río Miño Transfronteirizo”. Do mesmo xeito, continuará a labor do “Observatorio de Dinámicas Transfronterizas” e o proceso de planificación estratéxica (“Estratexia Transfronteiriza 2030 Río Miño”), que se levará a cabo en colaboración coa CIM Alto Minho e Deputación de Pontevedra.
O traballo do AECT Rio Minho en materia de preservación e posta en valor territorio o AECT Rio Minho pasa pola consolidación da Marca Rio Minho, do anel verde de rutas transfronteirizas e do servizo de préstamo de bicicletas e-bike Rio Minho, proxecto que goza de grande éxito entre a cidadanía de ambas marxes do río. Tamén se dará continuidade ao proceso de identificación de obstáculos á mobilidade e integración transfronteiriza no territorio do río Minho e ao fomento de colaboracións para o deseño de solucións propostas, tras a participación na iniciativa B-Solutions – Boosting Growth da Unión Europea.