16 Nov Mesa de traballo sobre Vivenda e Mobilidade en Melgaço no marco das Axendas Urbanas Transfronteirizas
Dentro do proceso de configuración dunha Axenda Urbana Transfronteiriza para As Neves – Melgaço, as técnicas municipais de ambos concellos, Diana Rodríguez e Estefânia Rocha, reuníronse hoxe en Melgaço con axentes do territorio para falar sobre Mobilidade e Vivenda, as dúas áreas temáticas seleccionadas polo grupo de traballo para a elaboración do seu plan estratéxico. No encontro tamén estivo presente o xerente da consultora Quadernas, Arturo González, encargada do seguimento e asesoría de todo o proceso de planificación.
A primeira parte da reunión centrouse na cuestión da mobilidade transfronteiriza. Nela as técnicas municipais tiveron ocasión de compartir cos axentes convidados diferentes propostas dirixidas a atallar os problemas relacionados cos desprazamentos e recibir o seu feedback correspondente. Para iso contouse coa participación de representantes das Juntas de Freguesias portuguesas e das parroquias galegas que máis a miúdo empregan a ponte internacional, así como dun taxista xubilado que aportou a súa experiencia profesional ao respecto.
A selección dos axentes participantes realizouse por consenso con outros técnicos municipais dos dous concellos. No caso da mesa de traballo de vivenda, que tivo lugar a continuación, sumáronse ao debate representantes do ámbito educativo de ambos concellos, representantes do estudantado e da mocidade e unha ex-traballadora dun portal inmobiliario de As Neves para falar sobre as dificultades que atopan estes colectivos á hora de atopar aloxamento nas dúas vilas pola escasa oferta que existe.
A implantación das Axendas Urbanas no territorio transfronteirizo do Río Minho, baseadas nos obxectivos definidos polas Axendas Urbanas das Nacións Unidas, a Unión Europea e España, permitirá que a Transfronteiriza do Río Minho sexa máis inclusiva, resiliente e sostible.
O programa de capacitación “Axendas Urbanas do Río Miño” intégrase no proxecto “Rede de Apoio ás Dinámicas Locais de Coooperación no Río Miño Transfronteirizo” – Rede Lab Minho”, promovido polo AECT Rio Minho e co-financiado polo Programa Interreg V-A España – Portugal”.