08 Nov Mesa de traballo sobre Cultura na Guarda no marco das Axendas Urbanas Transfronteirizas
A casa do Concello de A Guarda acolleu hoxe unha nova reunión dentro do proceso de configuración das Axendas Urbanas Transfronteirizas do Río Miño organizada polo grupo de traballo de Caminha-O Rosal-A Guarda para falar sobre cultura. Na mesa de traballo participaron diferentes asociacións e persoas referentes neste ámbito para presentarlles as liñas de acción deseñadas polas equipas técnicas municipais e recoller a súa opinión e feedback ao respecto.
Entre as persoas asistentes, xunto co técnico do AECT Rio Minho, Luis Ulloa, e o xerente da consultora responsable do seguimento do proceso, Arturo González, estiveron representantes da Asociación para a Formación e Cooperación en Europa (FOCO), da Asociación Piueiro, da Asociación Xamaraina, da Asociación de Persoas Maiores de O Rosal, da Asociación Cultural Carballas, da Sociedade de Instrução e Recreio Ancorense, a integrante do grupo folclórico Do Lusco ao Fusco, Laura Tantes, o músico e coorganizador do festival “Rock Guardés”, Alberto Brandón, o membro de Na Revolta, Xurxo Ameal, a integrante da Agrupación Musical do Rosal, Montserrat Domínguez, o historiador e guía de ruta, Juan Ramón Martínez, o produtor musical Paulo Baixinho e o profesor Paulo Ribeira en nome da Academia de Música “Fernandes Fão”.
As Axendas Urbanas Transfronteirizas do Rio Minho son un traballo de cooperación e de planificación conxunta entre ambas marxes do río para crear proxectos de futuro baseados nos ODS. O obxectivo é gobernanza común a nivel local enfocándose na mellora da vidas das persoas e crear un territorio máis sustentable e inclusivo.
O programa de capacitación “Axendas Urbanas Transfronteirizas das Eurocidades do Río Miño” intégrase no proxecto “Rede de Apoio ás Dinámicas Locais de Coooperación no Río Miño Transfronteirizo” – Rede Lab Minho”, promovido polo AECT Rio Minho e co-financiado polo Programa Interreg V-A España – Portugal”.