02 Mai Máis de 150 expertos dunha ducia de países intercambian en Uruguai coñecementos sobre a cooperación transfronteiriza
A bacía do río Miño estivo representada polo Agrupamento Europeo de Cooperación Transfronteiriza do Rio Minho
A Comisión Administradora do río Uruguai acolleu este martes 2 de maio na súa sede de Paysandú (Uruguai) o seminario internacional “Gobernanza, desenvolvemento e desafíos ambientais”, no que 150 delegados e expertos dunha ducia de países de Europa e América Latina debateron sobre o papel dos concellos no desenvolvemento económico e a sostibilidade ambiental de bacías hídricas internacionais.
O encontro, financiado pola Unión Europea no marco dunha iniciativa destinada a intercambiar coñecemento sobre cooperación transfronteiriza, contou coa participación de agrupacións de concellos da bacía do río Uruguai (Arxentina, Brasil e Uruguai) e do río Miño (España e Portugal), así como dos lagos Alqueva (fronteira hispanolusa) e Titicaca (Bolivia e Perú). Asemade, participaron representantes nacionais e expertos do Rhin (bacía localizada en varios estados europeos) e do Catamayo-Chira (Ecuador e Perú).
A bacía do río Miño estivo representada polo AECT Río Minho. Xabier Macías, técnico da Eurocidade Cerveira-Tomiño, que presentou en Uruguai o modelo de cooperación entre autoridades locais, incidindo na importancia que a estrutura transfronteiriza e as eurocidades da bacía teñen no desenvolvemento sustentábel do territorio polo que transcorre o río.
Pola súa banda, Uxío Benítez, director do AECT, participou de xeito telemático para destacar o interese dos concellos portugueses e galegos en intercambiar coñecemento e experiencias con localidades doutras bacías europeas e latinoamericanas.
O foro internacional enmárcase nunha iniciativa de cooperación que, sobre gobernanza de bacías, financia o programa ADELANTE2 da Unión Europea e coordina a Asociación de Rexións Fronterizas Europeas (ARFE). O proxecto clausurarase o vindeiro venres, día 5 de maio, en Montevideo, coa conformación dunha rede euro-latinoamericana de gobernanza transfronteiriza de bacías e con varias actividades de irmandamento entre concellos de ambos continentes, un proceso que comezou en novembro de 2022 coa visita de alcaldes de Arxentina, Brasil e Uruguai ao Miño.