
07 Xuñ Éxito absoluto de participación nas actividades ecoturísticas transfronteirizas ‘Vive o Rio Minho’
Máis de 400 persoas gozaron de andainas e camiñadas, raftin, caiac, visitas culturais e a adegas realizadas dende abril no territorio transfronteirizo do Rio Minho
Éxito rotundo de acollida das actividades ecoturísticas ‘Vive o Rio Minho’, un programa posto en marcha para dar a coñecer e impulsar o territorio transfronteirizo do Rio Minho como destino de natureza. Máis de 400 persoas participaron nas seis xornadas organizadas dende abril, nas que se esgotaron as prazas ofertadas para cada fin de semana sempre en apenas minutos.
As persoas participantes puideron gozar de andainas e camiñadas, raftin, caiac, visitas culturas e a adegas foron algunhas das actividades desta iniciativa promovida pola Deputación de Pontevedra en colaboración co AECT Rio Mino e o CIM Alto Minho e a inestimable axuda dos concellos transfronteirizos.
Nestas semanas, o programa achegou á veciñanza actividades como unha andaina popular cun percorrido de 15 km dende São Sebastião (Vila Nova de Cerveira) ata Goián (Tomiño), cruzando o río Miño por unha das pontes internacionais do territorio; unha ruta de sendeirismo pola Senda dos Pescadores rosaleira para facer despois o treito inverso en caiac polo río; unha visita guiada á vila de Melgaço e o Solar do Alvarinho en Portigal para despois visitar o Museo Arabo do viño e a lamprea en Arbo, con rafting pola tarde; unha visita a Monçao e Salvaterra, con visita ao Museo da ciencia do viño e degustación; unha ruta polas cetáreas na Guarda con visita a unha bodega e ao Mosteiro de Oia e observación astronómica; e unha visita a Caminha cunha pequena ruta e visita ao forte da Ínsua, unha illa situada na desembocadura do Miño.
O obxectivo deste programa de actividades é atraer visitantes ao territorio do Rio Miño transfronteirizo para amosar os seus atractivos e riqueza paisaxística, natural, cultural e gastronómica dentro dun destino situado estratexicamente e compartido por dous países, sempre dende unha ollada de aproveitamento do potencial turístico de forma sostible e racional para garantir a calidade da oferta como destino turístico e sen aglomeracións sostida no tempo.
O programa ‘Vive o Rio Minho’ realízase dentro do proxecto homónimo, cofinanciado con fondos FEDER a través do programa Interreg V-A POCTEP 2014-2020, tal como se fixera na edición anterior, celebrada no ano 2020 e que, a pesar de estar en plena pandemia, acadou un éxito de participación similar ao deste ano, esgotando as prazas dispoñibles tamén en apenas minutos.