13 Jul Xa está dispoñible a nova web do Observatorio das Dinámicas Transfronteirizas do Río Miño
A páxina web do Observatorio das Dinámicas Transfronteirizas do Río Miño (ODT) xa está dispoñible para a súa consulta no enderezo https://observatorio.aectriominho.eu/. O site está ligado ao do AECT Rio Minho, entidade promotora desta innovadora ferramenta de diagnose socioeconómica do territorio dirixida tanto a institucións públicas como privadas, persoas emprendedoras, estudantado ou calquera persoa que queira consultar información actualizada con base científica.
Un dos obxectivos do Observatorio das Dinámicas Transfronteirizas é converterse nunha base de datos estatística sobre o territorio do AECT Río Miño. A intención é recoller toda a información dispoñible sobre o territorio de fontes fiables, así como a estimación ou cálculo doutra información exclusiva, na que o ODT será a fonte. A unidade fundamental de información, dentro do AECT, será o concello, ofrecendo os indicadores para os 26 concellos do AECT Río Miño.
Así mesmo, o Observatorio das Dinámicas Transfronteirizas tamén ten como obxectivo ser centro promotor de estudos e de investigación e xerar e divulgar información inédita sobre o territorio do AECT Río Miño, a través da publicación de estimacións de variables relevantes para o territorio, newsletter mensuais e informes periódicos de información e análise territorial.
O ODT é unha iniciativa do AECT Rio Minho e forma parte do proxecto “Rede de Apoio ás dinámicas locais de cooperación no Río Miño transfronteirizo – Rede Lab Miño”, cofinanciado polo Programa Interreg V-A España Portugal.