Presentación en Valença da web do futuro Observatorio das Dinámicas Transfronteirizas do Río Miño

O AECT Rio Minho ofreceu hoxe en Valença unha presentación técnica do futuro portal do Observatorio das Dinámicas Transfronteirizas (ODT) do Río Miño, unha innovadora iniciativa que porá á disposición da cidadanía información socioeconómica do territorio transfronteirizo para a súa libre consulta. Trátase dun proxecto pioneiro en toda Europa a través do cal se darán a coñecer informes e estudos sectoriais sobre a economía do territorio miñoto, vivenda, calidade de vida, emprego, medio ambiente, innovación, cultura ou turismo, entre outros, segundo desvelou o coordinador técnico do proxecto e profesor da Universidade de Vigo, Xavier Martínez Cobas.

O observatorio contará cun soporte web que estará ligado ao site do AECT Rio Minho e será accesible dende no enderezo https://aectriominho.eu/observatorio-das-dinamicas-transfronteirizas.  Así o adiantaron o subdirector da Escola Superior de Tecnologia e Gestao do Insituto Politécnico de Viana no Castelo, Pedro Miguel Castro, e o programador da aplicación, André Correia, quen explicaron cal será o funcionamento da páxina e como se arquivará e accederá á información.

A presentación estivo dirixida ao persoal das entidades socias do AECT Río Miño, CIM Alto Minho e Deputación de Pontevedra, e equipas da Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal, das Universidades de Santiago de Compostela e Vigo e do Instituto Politécnico de Viana de Castelo. Ao final da presentación abriuse un interesante debate que contou coa participación dos asistentes.

O ODT nace no seo do proxecto “Rede de Apoio ás dinámicas locais de cooperación no río Miño transfronteirizo – Rede Lab Minho”, cofinanciado polo Programa Interreg V-A España Portugal. Aínda que ao primeiro impulso se dá con financiamento europeo, preténdese crear unha cooperación estable con outras entidades – vía protocolos de colaboración- que permita mantelo no tempo.