Os procesos participativos e a dinamización de axentes centran a sesión de capacitación para as Axendas Urbanas Transfronteirizas celebrada en Valença

Técnicas e técnicos municipais do Río Miño asistiron hoxe en Valença a unha nova sesión do programa de capacitación para a creación das “Axendas Urbanas Transfronteirizas das Eurocidades do Rio Minho”, impulsado polo AECT Rio Minho e que ten por obxectivo final a promoción do desenvolvemento sustentable, xusto e equitativo do territorio a través do fortalecemento da cooperación entre os municipios trasfronteirizos tomando como base os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da ONU. A sesión formativa celebrouse no Auditorio da CIM Alto Minho e tratou sobre a dinamización de axentes e procesos participativos. O seguinte obradoiro terá lugar en Tui o 3 de marzo para abordar cuestións relativas á configuración de plans de acción.

Tras esta primeira fase de capacitación as equipas técnicas municipais das diferentes  Eurocidades e grupos de traballo comarcais elaborarán un documento coas súas conclusións e propostas que será presentado antes as súas respectivas alcaldías.

As Axendas Urbanas Transfronteirizas son unha innovadora ferramenta que servirá non só para fortalecer e ampliar a cooperación entre os municipios transfronteirizos veciños senón que permitirá repensar o territorio do Río Miño dende unha nova perspectiva de desenvolvemento común. A posta en marcha desta iniciativa parte da demanda dos municipios para achar novas solucións ás problemáticas sociais e económicas do seu día a día.

O Programa de Capacitación “Axendas Urbanas Transfronteirizas das Eurocidades do Río Miño”, enmárcase no proxecto “Rede de Apoio ás Dinámicas Locais de Coooperación no Río Miño Transfronteirizo” – Rede Lab Minho”, promovido polo AECT Rio Minho e co-financiado polo Programa Interreg V-A España – Portugal .