11 Jun O Observatorio das Dinámicas Transfronteirizas organiza un workshop sobre Recursos endóxenos do territorio
O Salón Nobre da Cámara Municipal de Melgaço acollerá o vindeiro 13 de xullo ás 16:30 (hora galega) un workshop no que se analizarán as conclusións do último informe publicado polo Observatorio das Dinámicas Transfronteirizas do Río Miño sobre “Recursos endóxenos” do territorio.
O ODT é unha innovadora ferramenta a través da cal podemos obter información actualizada sobre aspectos socioeconómicos do territorio transfronteirizo. O seu obxectivo é o de converterse nun espazo de consulta no que as persoas estudantes, institucións e persoas emprendedoras poidan atopar datos actualizados que lles permitan desenvolver políticas públicas e privadas de éxito. Así mesmo, o ODT eríxese como unha “ferramenta indispensable” para continuar actualizando a diagnose territorial da Estratexia do Río Miño Transfronterizo, e o seu Plan de Acción.
O ODT é unha iniciativa do AECT Rio Minho e forma parte do proxecto “Rede de Apoio ás dinámicas locais de cooperación no Río Miño transfronteirizo – Rede Lab Miño”, cofinanciado polo Programa Interreg V-A España Portugal.