O grupo de traballo da AECT Rio Minho reúnese para supervisar a marcha de todos os proxectos do Miño transfronteirizo

O grupo de traballo da AECT revisa os proxectos postos en marcha

O grupo de traballo da Agrupación de Cooperación Territorial Río Miño (AECT) reuniuse este mércores na sede da CIM Alto Minho e futura sede da AECT en Valença para supervisar os proxectos que se están levando a cabo ao acubillo do Miño transfronteirizo e ter unha visión global da situación na que se atopan cada un destes proxectos, tanto o Smart Minho como o Visit Miño, ambos os dous promovidos pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa Comunidade Intermunicipal do Alto Minho.

Nesta reunión de traballo estiveron presentes o secretario executivo intermunicipal da CIM Alto Minho, Júlio Pereira; o responsable de Cooperación Transfronteiriza da Deputación de Pontevedra, Uxío Benítez; os presidentes das cámaras municipais de Vila Nova de Cerveira e Melgaço, Fernando Nogueira e Manoel Batista Calçada, respectivamente; así como técnicos e asesores de ambos os dous organismos promotores dos proxectos.

Durante a reunión, Xabier Martínez Cobas, membro do equipo científico que elabora a axenda estratéxica, explicou a todos os presentes como está a desenvolverse a posta en marcha da Estratexia de Cooperación Intelixente do Río Minho Transfronteirizo.

Ademais de valorar a posta en marcha da estratexia e falar de prazos, durante a xuntanza este grupo de traballo estableceu principios de abril para o lanzamento do I Foro Transfronteirizo e falaron da segunda convocatoria INTERREG VA, que estará aberta a finais de febreiro.

Máis fotos premendo aquí.